A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, celebra que por fin a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Goberno central recoñezan por escrito as súas responsabilidades no baleirado dos encoros.
Así o asegurou durante a súa intervención no Pleno do Parlamento, onde sinalou que tanto a ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, como o presidente da presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, responderon á carta que lles enviou o 25 de agosto xunto á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.
Na misiva recibida, Ribera e Quiroga admiten que as responsabilidades nesta materia corresponden ao Goberno central e en ningún momento afirman que limitar o baleirado dun encoro desa conca sexa competencia dun organismo autonómico. Así, Vázquez Mejuto salientou que a ministra foi o primeiro membro do Goberno central en admitir a existencia dun problema e a súa responsabilidade.
Na carta, tamén recoñece, segundo a Conselleira, que coa normativa estatal de augas na man, os presidentes das demarcacións hidrográficas poden evitar o baleirado dos encoros; é dicir, “o Goberno central recoñece que a normativa actual permite ao actual presidente da conca Miño-Sil, José Antonio Quiroga, aplicar a lei e limitar baleirados deste tipo”, insistiu. En canto á resposta do presidente da CHMS, recibida esta mesma mañá, a conselleira dixo que este recoñece que a Confederación permite baleirados deste tipo, que non aplicou o artigo 55 da Lei estatal de Augas e que o seu propio Goberno reformará esta normativa.
Nese sentido, insistiu en que a única administración competente no baleirado dos encoros é o Goberno central, a través da CHMS, “esa é a única verdade, recoñecida por dúas vicepresidentas e polo propio presidente da Confederación esta mesma mañá”, unha actitude que contrasta coa mantida nas últimas semanas nas que solicitou explicacións á Xunta –cando as competencias se reducen ao patrimonio natural-, “a tirar balóns fóra, poñerse de perfil e non actuar, a pesar de tratarse de embalses da súa demarcación”.
A conselleira de Medio Ambiente indicou que o Goberno galego non pode mirar cara a outro lado ante o baleirado inxustificado e irresponsable dos encoros, que puxeron en risco a fauna e flora que habita nesas masas de auga, aproveitamentos pesqueiros e mesmo a extinción de incendios nesa zona.
“O feito de poñer en perigo a riqueza e a biodiversidade dos galegos esixe a toma de medidas e o compromiso de chegar ata o final para depurar as posibles responsabilidades”, derivadas de situar as reservas de auga nalgúns casos en menos do 15% e en mínimos históricos das últimas dúas décadas, sentenciou.
Engadiu que “a actuación da Xunta ante este baleirado inxustificado e irresponsable foi rápida, contundente e integral”, mentres que a Confederación “actuou pola porta de atrás, saltándose o procedemento legal”.
Por ese motivo –advertiu-, tanto o organismo responsable da demarcación como as empresas concesionarias destes embalses hidroeléctricos, deberán asumir as consecuencias que se deriven da apertura dos expedientes sancionadores, que se tramitan ao abeiro da Lei de pesca fluvial, ante a falta de comunicación oficial tal e como recolle o artigo 83, e da Lei de patrimonio natural, que prevé sancións por importe de ata 2 millóns de euros, polos danos producidos, que se están estudando e avaliando como indicou o persoal instrutor.