O próximo luns o dispositivo integral de limpeza habilitado pola área de Medio Ambiente se desprazará a Augas Férreas.
Así, nas vindeiras xornadas os efectivos das empresas encargadas do aseo urbano, o mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – unificarán os seus esforzos nesta contorna para mellorar o seu acondicionamento, sen descoidar o labor ordinario que levan a cabo diariamente.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de área, Miguel Fernández, explicou que “o operativo encargarase – de forma simultánea e coordinada – da roza de vías e predios municipais, da limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, do baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, afirmou.
O edil de Medio Ambiente incidiu tamén en que o obxectivo desta iniciativa posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez “é centralizar nun mesmo emprazamento as tarefas de conservación de todos os espazos públicos dunha mesma zona, para incrementar a súa eficacia e mellorar a imaxe destas localizacións e a calidade de vida da veciñanza que reside nelas”.
O tenente de alcaldesa referiu, así mesmo, que dende o ano 2020 o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación. E fixo un chamamento á poboación en prol do civismo, “clave para a convivencia” – sinalou, apelando á veciñanza a traballar da man para preservar e manter entre todas e todos os espazos públicos en boas condicións”, concluíu Miguel Fernández.
Logo de que os traballos conclúan neste punto da capital, o dispositivo continuará por Fingoi.