A Xunta recorrerá ante a xustiza a orde estatal do lobo e esixe que se paralice a súa aplicación

A Xunta de Galicia recorrerá ante os tribunais a orde ministerial pola que se inclúe o lobo ibérico na Listaxe de especies silvestres de protección especial (Lesrpe) e pedirá que se adopten medidas cautelares de suspensión que paralicen súa eficacia ata que haxa un pronunciamento final da xustiza.

Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha rolda de prensa convocada tras publicarse hoxe no Boletín Oficial do Estado a orde coa que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) modifica o nivel de protección da especie e inclúe tamén no Lesrpe todas as poboacións de lobo ao norte do río Douro Esta decisión, segundo explicou a conselleira, “non se ampara en ningún estudo científico” e afectará de forma directa a Galicia, unha das principais comunidades lobeiras de España xa que xunto a Asturias, Cantabria e Castela e León aglutina o 95% dos exemplares de lobos de todo o país.

“Estamos ante unha medida que nos causa sorpresa, frustración e indignación. É moi triste que por parte dun Ministerio non haxa diálogo coas comunidades que ao longo de moitos anos tivemos os nosos plans específicos de protección do lobo”, declarou Ángeles Vázquez, despois de lembrar que onte mesmo estivo nas illas Cíes co ministro de Agricultura, Luis Planas, e o secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e ningún deles quixo falar da situación do lobo.

Neste sentido, lembrou que a Xunta leva anos xestionando as poboacións desta especie en solitario e con éxito, como demostra o feito de que desde 2009 conta cun plan de xestión propio grazas ao cal logrou garantir durante máis dunha década un equilibrio perfecto entre a protección destes animais e á vez, a dos gandeiros. Sen embargo, a conselleira sinalou que, a partir de agora, “a potestade” que tiñan as comunidades e os seus plans de xestión “decaen” e por tanto, “os gandeiros e a xente que vive no rural quedan nunha situación moi delicada”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com