A Xunta colaborará con programas de entidades sociais para axudar a mulleres vulnerables e loitar contra a violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para que entidades sociais axuden a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e desenvolvan programas de liderado feminino e loita contra a violencia de xénero. Para elo, a Xunta dispórá inicialmente de cerca de 450.000 euros procedentes do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente á comunidade. A contía a percibir por cada organización beneficiaria irá dos 5.000 euros aos 75.000.

A Xunta fixa como requisito necesario que os programas que reciban achega estean dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero ou de outras violencias, mulleres en situación de explotación sexual-laboral ou de trata de persoas, inmigrantes, refuxiadas, reclusas, mulleres de minorías étnicas, etc.

Entre outros programas, poderán recibir axudas as accións de aloxamento, acollemento, atención e asesoramento. A Xunta desexa tamén contribuír con iniciativas que faciliten formación e información para o reforzo do liderado da muller ou coas propostas de conciliación e de apoio e tratamento integral de vítimas da violencia de xénero, así como con iniciativas que incidan na seguridade destas persoas e as súas familias e de tratamento integral da súa saúde.

As entidades que resulten beneficiarias recibirán os cartos mediante anticipos este 2021, aínda que o período para desenvolver os seus programas irá do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2022.

A convocatoria está financiada con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF dos orzamentos do Estado que corresponden á comunidade galega. Ao igual que en anteriores ocasións, prevese a súa ampliación desde os 443.397 euros aos 755.617 o que suporía o maior importe destinado a estas axudas ata o momento.

Nos últimos tres anos (2018, 2019 e 2020) a Xunta destinou máis de 1,6 millóns de euros no marco desta convocatoria a financiar un total de 87 programas de interese xeral das entidades. O ano pasado, os cartos chegaron a 31 iniciativas que recibiron ata 56.000 euros, con especial presenza das propostas de capacitación laboral e participación activa de mulleres no ámbito rural, programas de saúde e centrados na discapacidade, na prevención da violencia de xénero e da trata.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com