O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes de Lugo acolle hoxe as probas do GaliciaSkills na especialidade de climatización e refrixeración, na que compite co CIFP Valentín Paz Andrade, de Vigo, e o CIFP Coroso de Ribeira.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou aos participantes e subliñou que o CIFP As Mercedes é a única sede lucense das once previstas no campionato. Esta sexta edición conta con máis dunha vintena de probas e participan máis de 40 centros educativos galegos, entre eles tamén o CIFP Politécnico de Lugo, o IES María Sarmiento de Viveiro e o IES Lois Peña Novo de Vilalba.
É unha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e ten por obxectivo difundir e “poñer en valor a calidade da Formación Profesional que se imparte en Galicia”, segundo afirmou Arias.
Os participantes deben demostrar a súa competencia profesional en distintas modalidades de FP e medir as súas destrezas con alumnado de distintos centros de Galicia. Así, na proba de hoxe dispoñen de oito horas para completar a instalación dun circuíto de refrixeración nunha maqueta. Os xuíces, profesores especialistas de distintos institutos, valorarán tanto o tempo empregado como a destreza, o funcionamento ou mesmo a orde e limpeza no posto de traballo, entre outros factores.
Alumnos e alumnas do CIFP As Mercedes competirán noutras tres especialidades máis ao longo desta semana. Así, participarán na proba de Pintura do automóbil que se desenvolverá en Vigo, e nas de Deseño mecánico e Tecnoloxía do automóbil en Ferrol. Os gañadores de cada categoría acudirán o próximo mes de novembro ao SpainSkills, de ámbito estatal.