O Concello de Lugo recorrerá ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que considera como inxerencias cometidas polo TACGAL (Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia) sobre o procedemento do contrato de limpeza viaria e recollida de lixo.
A administración entende que o organismo autonómico excedeu as súas competencias en materia de contratación ao entrar a avaliar aspectos urbanísticos do prego que obrigarían a admitir a unha das 6 empresas que foron descartadas durante o proceso.
“Cuestións que non gardan relación coas materias polas que debe velar o TACGAL e que contradín os criterios dos técnicos municipais especialistas no campo urbanístico que informaron o expediente e nos que se sustentou a decisión da Mesa de Contratación”, indicou o tenente de alcaldesa e portavoz do Goberno local, Miguel Fernández.
O Goberno local denuncia así que as frecuentes suspensións que está a sufrir o proceso – que até o momento foi paralizado en tres ocasións (en xaneiro, maio e agosto de 2021) – están a atrasar a posta en marcha dun “servizo que resulta esencial para a cidade en tanto afecta ao seu aseo e, consecuentemente á súa imaxe, comprometendo, á vez, á salubridade pública”, manifestou o voceiro do Executivo quen tamén recordou que concluír a súa licitación “é unha das principiais prioridades da alcaldesa, Lara Méndez, consciente de que se trata dunha das maiores necesidades que ten Lugo e á que quere dar resposta coa maior axilidade posible”.
O tamén edil de Medio Ambiente explicou que “dende o Concello, atendimos con celereidade e en todo momento os requirimentos do TACGAL e fomos quen de entregarlle toda a documentación que nos solicitou acreditando sempre a solvencia dos pregos dun xeito impecable tanto dende o punto de vista técnico como xurídico. Porén, seguimos sen poder avanzar nin concluír a licitación mentres o contrato en vigor se atopa prorrogado e, polo tanto, non nos permite cubrir cos estándares de calidade que queremos e cos que podemos desenvolver esta prestación”, engadiu Fernández.
“Falamos dunha adxudicación que duplica o custo da anterior e supera os 134 millóns de euros nos 10 anos aos que se atopa limitada a súa execución, o que a converte na de maior contía económica do municipio xa que suporá ao redor do 13% de cada orzamento anual. Se esquecer tampouco que afecta a un aspecto fundamental do municipio como é a súa limpeza e a retirada dos residuos que xeramos”, referiu o tenente de alcaldesa.
Miguel Fernández lembrou que o novo contrato suporá un cambio cuantitativo e cualitativo na prestación pero tamén na percepción que a cidadanía terá sobre a calidade da mesma.
“O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas. Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles”, indicou o concelleiro.
A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.
“Adiar a súa entrada en vigor é poñerlle freo ao progreso e supón un grave prexuízo para Lugo, ao noso entender, a todas luces inxustificable que está impedindo que a veciñanza dispoña dun servizo de calidade, adecuado ademais ás esixencias sanitarias actuais e, sobre todo, que camiñe en consonancia co modelo de cidade á vangarda da sostibilidade que xa somos”, concluíu Miguel Fernández.