O controvertido filme de Julia Ducournau, Titane, chega este venres aos cines coa súa provocativa historia de redención e superación humana.
O pasado mes de maio regresou o festival de Cannes tras un ano de ausencia debido ás restricións do coronavirus. Na última década, este festival da Costa Azul francesa converteuse no centro do cinema mundial, alí onde as películas máis famosas queren facer a súa presentación e onde os autores máis importantes do mundo proxectan por primeira vez os seus filmes. Cineastas consagrados como Leos Carax, Paul Verhoeven, François Ozon, Wes Anderson, Nani Moretti ou Apichatpong Weerasethakul presentaron en Cannes os seus filmes, mais foi unha directora francesa coa súa segunda película quen conseguiu o premio ao mellor filme. Titane, de Julia Ducournau foi a gañadora do certame, convencendo á crítica e ao xurado para facerse coa ansiada Palma de Ouro.
Julia Ducournau debutou hai cinco anos con Raw, un filme de terror sobre canibalismo que sorprendeu en canto a que convertía un relato de xénero nunha defensa dos comportamentos non normativos, da singularidade de todos os seres humanos, a medio camiño entre o filme social, o horror e a parodia. Titane é un proxecto moito máis ambicioso. Unha reflexión sobre o noso tempo, sobre os cambios espectaculares que se produciron nas relacións humanas nos últimos anos, sobre o impacto que produciu nas nosas vidas a tecnoloxía e os dramas asociados a este proceso revolucionario. A través da historia dun pai desesperado que se encontra co seu fillo tras dez anos desaparecido e dunha muller que vive un proceso traumático que provoca un cambio radical no seu corpo, Ducournau ofrece un filme eléctrico e sen concesións, que aposta por unha ambientación nocturna chea de luces artificiais e a descrición minuciosa dos submundos nocturnos.
Estamos ante un filme de estética poderosa que non deixa un segundo de respiro ao espectador. Unha celebración das novas formas de relación nun mundo tecnolóxico, celebrando a vida e a carne, a humanidade e o contacto con outros corpos, fronte a frialdade da comunicación que ofrece internet e as redes sociais. Titane recupera a política do corpo e aínda que moitas veces se define como filme feminista, vai máis alá: é unha defensa dunha sexualidade líquida e cambiante, dun mundo de incertezas onde o amor triunfa por encima de cuestións de xénero, de sexo ou de adscrición social e política.
Convertido nunha icona da arte trans, o filme de Julia Ducournau é por encima de todo un retrato humanista e compasivo, sedutor e erótico, sobre o século XXI. Despois de gañar a Palma de Ouro, o maior recoñecemento para un filme de autor, a película presentouse con igual éxito no Festival de Toronto, a antesala dos Óscar, onde a película gañou o premio do público, ademais de participar tamén na sección Zabaltegui do Festival de San Sebastián. Celebrada unanimemente como un dous filmes máis importantes dos últimos anos, Titane agarda repetir o éxito de Párasitos de Bong Joon-ho, a anterior gañadora do festival de Cannes.