A nova da morte de Paco Pestana deixou un regueiro de abraio no mundo da cultura galega polo inesperado da noticia e o baleiro que deixa na nosa cultura. Coa desaparición de Pestana vaise un dos creadores multidisciplinares galegos máis sobranceiros cunha traxectoria artística e vital inigualable. Sempre na súa bicicleta, nada facía presaxiar este fatal desenlace.
Pestana un dos máis destacados escultores da súa xeración conseguiu, cunha obra iconoclasta e rompedora, ocupar un lugar de relevancia dentro dos nosos artistas plásticos.
Ademais da escultura e a pintura cultivou outras artes en especial a literaria, na que a poesía destacaba de xeito notorio.
Nado no concello de Castroverde, hai uns días fora homenaxeado polo consistorio co nomeamento de Fillo predilecto deste Concello.
En paz estea Paco Pestana, que xa forma parte desa Alba de Gloria dos bos e xenerosos.