A Deputación presenta o seu modelo de Residencias na Semana Europea das Rexións e Cidades

A Deputación de Lugo presentou este martes na 19ª Semana Europea das Rexións e Cidades o seu modelo de Centros de Atención a Maiores a través dun vídeo testemuñal que relata a filosofía coa que se traballa, escóitanse voces de usuarios e usuarias, e a visión do persoal da institución que está pegado ao día a día dos centros.

A Deputación foi seleccionada, un ano máis, para participar no maior evento anual de política rexional en Europa, un cumio que se celebra dende onte ata ao xoves baixo o lema Xuntos pola Recuperación, para participar nun taller de traballo centrado na dixitalización para apoiar un envellecemento saudable e unha mellor calidade de vida para os maiores, e a transformación dos sistemas sanitarios en Europa.

A Deputación de Lugo presenta o seu modelo dende a convicción de que é extrapolable a calquera territorio rural da Unión Europea. Antonio, Benilde, Víctor, Pura, Herminia ou Teté son algunhas das persoas usuarias da rede pública residencial da institución que relataron nesta peza audiovisual o seu modo de vida no centro no que están residindo. Contan dende a súa óptica como ven eles a residencia e detallan a realidade social que se dá nos centros nos que conviven, onde veciños e veciñas teñen agora un novo fogar no que se aposta por manter o arraigo, se seguen as tradicións e costumes de cada zona, se aposta pola gastronomía local e onde cada acción e decisión pon no centro ás persoas.

A rede asistencial da Deputación de Lugo ten o seu xermolo na cooperación cos concellos nos que se asentan os centros, un feito que enriquece a súa posta en marcha e funcionamento. Este modelo dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza do municipio, logo aos dos concellos limítrofes ou da comarca, e despois o proceso ábrese para lucenses en xeral.

Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poidan acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica. Agora mesmo ten 6 residencias en marcha, en Pol, Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Ribadeo e Pedrafita do Cebreiro, e nos vindeiros meses prevé a apertura dos centros de Meira e Navia de Suarna.

Unha política social propia da Deputación que se presentou neste taller de traballo da Semana Europea de Rexións e Cidades, que contou cun panel institucional e técnico de alto nivel que ten como obxectivo reunir institucións, rexións e cidades europeas, e partes interesadas clave para fomentar un debate sobre os desafíos que expón o proceso de envellecemento da poboación na Unión Europea e explorar as oportunidades da transición dixital para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e transformar os sistemas de atención sanitaria e social á luz dun enfoque orientado ao envellecemento saudable.

Xunto coa Deputación de Lugo participaron os representantes de EUREGHA (Rede Europea de Autoridades Sanitarias, Rexionais e Locais), comisarios e parlamentarios europeos, así como membros da Dirección Xeral de Apoio ás Reformas Estruturais (DG REFORM) e da Dirección Xeral de Comunicacións, Redes, Contido e Tecnoloxía (DG CNET).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com