A Comisión Contra as Minas da Terra Chá denuncia actividade mineira ilegal na parroquia de Goá

Na Comisión Contra as Minas na Terra Chá tiveron noticia de que dende hai uns días se están a realizar labores mineiras sen permiso en terreos da parroquia de Goá, en Cospeito. Ao tempo foron informadas de que Erimsa está a ofrecer contratos de arrendamento a veciñas da zona do Arneiro, na mesma parroquia. Esta empresa tenta dende 2006 conseguir autorización para explotacións mineiras na zona, solicitudes que acumulan xa varias sentenzas desestimatorias dos permisos.

No pleno do pasado 30 de setembro Rosa Morán, concelleira polo PSOE, preguntaba ao alcalde se é que existe algunha novidade a respecto das licencias solicitadas por parte da Erimsa e concedidas ou denegadas, ou algunha sentenza nova, ao que o rexedor municipal respostou non ter coñecemento de ningunha novidade ao respecto.

No mesmo pleno interveu, explicando a situación que se está a dar, Margarida Prieto. A responsábel do Sindicato Labrego Galego indicou que tiña constancia de que se están ofrecendo alugueres por parte da empresa e que, aínda que en principio non ten por que resultar problemático, “non parece que sexan para botar ovellas”. O Sindicato Labrego, ademais, ven de rexistrar a solicitude para que se proporcione por escrito a información exposta no pleno.

A empresa Erimsa, de capital chinés e sede na Noruega, leva dende 2006 a teimar en conseguir autorización para realizar traballos extractivos na zona, leva igualmente dende entón a colleitar respostas negativas nas diversas instancias.

As máis recentes, as emitidas neste mesmo ano polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que desestimaba dúas apelacións presentadas pola Erimsa contra sendas sentenzas dos Xulgados do Contencioso-Administrativo de Lugo, relativas á Pastoriza e máis a Cospeito.

No caso da Pastoriza, a sentenza emitida en Xullo polo TSXG é relativa á concesión ‘Alicia’. Esta respalda unha sentenza do Xulgado de Lugo que, por súa vez, respaldaba a actuación do Concello desatendendo unha Comunicación previa para o exercicio da actividade que Erimsa presentara en xaneiro de 2019. A empresa pretendía ampararse na vixencia dunha Declaración de Impacto Ambiental que, como concello e tribunais entenderon, xa non pode considerarse axustada.

No relativo a Cospeito as apelacións son dúas, en relación con sentenzas ditadas tamén polo Xulgado de Lugo, referentes ás concesións ‘Alicia’ e ‘Karles’. Tamén se discute sobre a vixencia da Declaración de Impacto Ambiental e, onde a Erimsa pretende que está facer unha modificación e reducción do proxecto inicial de explotación, tanto o Tribunal en Lugo como o Tribunal de apelación conclúen que se está a falar dun novo proxecto que esixe nova tramitación e informes. En definitiva, que non poden conservarse tramitacións vellas que ademais nunca deran lugar a unha autorización ou licenza administrativa.

Dende a Comisión esixiremos, unha vez que ten ficado esclarecido que a Declaración de Impacto Ambiental non está en vigor, que por parte da Consellaría de Industria se declaren caducadas as concesións, e que en consecuencia se poña fin aos labores mineiros por parte da Erimsa na Terra Chá.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com