Subirse ao cabalo

Xa teño dito outras veces que non sei de que madeira poden estar feitos os políticos para resistir o que aguantan sen reventar como castañas ao lume. E se os momentos preelectorais son problemáticos, nalgúns casos os postelectorais son moito peores.

Na terra Chá temos exemplos claros, que se en Cospeito, Meira, Begonte, Xermade, Outeiro de Rei ou Vilalba están as cousas amañadas polas urnas, hai lugares como Guitiriz, nos que se está pendente dun apoio do BNG, pero en Rábade un voto dun concelleiro do Psoe decidirá quen goberna, se o PP ou os Independentes de Rábade.

Máis difícil está a cousa na capital lucense onde o PP nin coa axuda de Cidadáns –con outras forzas, nin falar- chega aos concelleiros suficientes para gobernar, a pesar de ser a lista máis votada, e o PSOE –con un concelleiro menos- podería pactar con Lugonovo e o BNG para formar un goberno de coalición con trece concelleiros.

Pero… Lugonovo xa anunciou que non negociará con ninguén que estea imputado xudicialmente, e o BNG tampouco parece estar polo labor, tendo en conta que na pasada lexislatura esa mesma forza política botouse fóra do goberno municipal precisamente por estar Orozco imputado.

Solucións, non hai moitas: que absténdose todos chegaran a deixar gobernar ao PP como forza máis votada. Ninguén confía nesa  posibilidade. Só quedaría que Orozco, o imputado e cabeza de lista do Psoe, renunciase, para que Lugonovo e Bng non tivesen problema de principio para negociar un goberno “de progreso” na capital lucense.

Neste momento, non parece que Orozco estea polo labor, polo que o panorama político semella estar conxelado –tipo Frozen– agardando a un Godot que non está nin hai razón algunha para agardalo. Claro que tamén valería que nun tempo prudencialmente curto, Orozco deixase de estar imputado.

E mentres tanto, a vida segue, os lucenses –que aparentemente, so aparentemente, nin nos vai nin nos ven no tema – seguimos facendo vida normal sabendo que o que amañen vai ser máis para eles ca para nós, a menos que os novos tempos, os novos xeitos, as novas xentes, nos demostren o contrario.

Aquí e agora, aquilo de “o meu reino por un cabalo” parece poder cambiarse por “Subídevos ao cabalo e deixádeme o reino”.

Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com