A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, efectuou este mediodía unha visita ao novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social que vén de entrar en servizo en Viveiro onde comprobou o funcionamento deste novo equipamento. Na visita estivo acompañada polo director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e pola alcaldesa, María Loureiro.
Rodríguez expresou a súa satisfacción pola entrada en servizo da nova oficina da Seguridade Social, da que sinalou que “Viveiro conta, por fin, coas instalacións que merecen os veciños e veciñas dos concellos desta zona da Mariña que fan uso dos servizos da Seguridade Social e polas que tanto tempo tivemos que agardar”.
“Teño a satisfacción de ver cumprido un compromiso que asumín cando cheguei ao cargo, penso que era unha débeda histórica contraída con Viveiro e a comarca que este Goberno saldou, porque somos un Goberno que cumpre”, destacou a subdelegada.
Para Rodríguez, co novo edificio da Seguridade Social “Viveiro gaña un magnífico equipamento e os cidadáns serán atendidos aquí con máis comodidade”.
Ademais, subdelegada agradeceu “a gran implicación do director provincial da Seguridade Social, que foi quen de desatascar este proxecto igual que está a impulsar, no sur da provincia, o proxecto para rehabilitar o CAISS de Monforte de Lemos”.