O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores xunto co director do departamento de Aceleración Empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, unha nova iniciativa dotada con máis de 1M€ de orzamento que prestará apoio gratuíto a pemes e autónomos da provincia para mellorar o seu negocio a través da dixitalización.
José Tomé, que estivo acompañado tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a recuperación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia. “Trátase dun programa de formación e de asesoramento personalizado que ofrecemos de maneira totalmente gratuíta ás empresas para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio”, subliñou o Presidente.
O programa está promovido pola Deputación e a EOI cun orzamento de 1.080.000€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 927.720€. A Deputación asume o 14,1% restante, o que supón 152.279€. Esta nova iniciativa nace co obxectivo de que as empresas “gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, para que abran novas oportunidades de negocio e, polo tanto, para que teñan ferramentas que lles sirvan, por un lado, para recuperarse antes e de maneira máis sostible no tempo dos efectos da crise da Covid e, ao mesmo tempo, para que poidan incluso estar mellor preparadas de cara a futuras situacións adversas”.
O Presidente explicou que o programa Reiníciate: dixitaliza a túa empresa está dirixido a 500 empresas de calquera sector ou actividade, e de calquera dos 67 concellos da provincia de Lugo. “Non hai límite en canto ao tamaño das empresas, pero dirixímonos sobre todo ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos, que son o verdadeiro músculo da nosa economía, o motor da creación do emprego, e os que máis están a sufrir os efectos da crise da Covid”, recalcou.
“Reiníciate: dixitaliza a túa empresa non é unha formación máis das moitas que xa existen en materia de dixitalización, senón que imos máis alá”, subliñou o Presidente. Explicou que o programa inclúe un acompañamento real, individualizado e personalizado para cada unha das empresas que decidan beneficiarse desta iniciativa, facilitando que cada unha delas teña o seu propio ritmo e un plan para dar resposta ás súas necesidades específicas da mellor maneira posible.
A formación partirá dende o punto no que estea cada negocio participante en materia dixital. Tomé Roca puxo como exemplo que algunhas empresas terán que empezar por implantar as redes sociais e outras porán en marcha o comercio en liña. O obxectivo é lograr que as persoas participantes adquiran os coñecementos, as habilidades e as ferramentas necesarias para desenvolver a transformación dixital da súa empresa. En concreto, levaranse a cabo accións prácticas como a realización ou actualización da páxina web, a creación ou mellora das redes sociais, o posicionamento na rede, o márketing dixital ou a implantación de programas de xestión ou facturación, entre outras.
Inscricións e desenvolvemento
O prazo de inscrición xa está aberto e pódese formalizar na web: lugoformaciondigital.es Habilítase o teléfono 982 26 02 04 para resolver dúbidas que poidan xurdir. A previsión é que o programa arranque xa na primeira semana de novembro.
Haberá sesións online e presenciais, destinando tempo á titorización individualizada, á formación e ao acompañamento. A cada empresa asinaráselle un profesional que será o seu mentor durante todo o programa. Esta persoa será a encargada de facer a avaliación inicial e de establecer o plan de traballo en función das necesidades detectadas. Para a formación haberá 80 horas que se impartirán en horario de mañá e de tarde durante tres días á semana, e 85 horas para a mentorización personalizada e adaptada a dispoñibilidade de cada empresa. Establécense sete sesións presenciais, que se impartirán nas diferentes comarcas, co obxectivo de chegar ao maior número de persoas posible. As temáticas previstas son: Xestión de dixitalización (Lugo), Desenvolvemento de negocio dixital (A Mariña), Reto en dixitalización (Ribeira Sacra), Reto en comunicación dixital (A Terra Chá), Reto de competencias directivas (Lugo), Reto de transición enerxética (A Mariña), e Covid, a oportunidade do cambio (A Ulloa).
Un acto aberto ao tecido económico
Ao acto de presentación do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa asistiu unha ampla representación do tecido de asociacións empresariais e de profesionais da provincia, “porque quixemos que coñezan de primeira man esta medida que lles afecta directamente”, indicou Tomé Roca.
Participaron responsables de colectivos vencellados ao agro e á produción de leite e crianza de animais, tamén representantes de autónomos, electricistas, do sector do moble, do sector da automoción, da fontanería, dos taxis, entre outros, ademais da Confederación de Empresarios da Provincia, a Federación Galega de Comercio, que aglutinan a un gran número de socios da provincia.
Ademais, unha vez rematado o acto, os representantes das asociacións de empresas e profesionais participaron no Pazo de San Marcos nun encontro técnico para intercambiar posturas e coñecer polo miúdo o desenvolvemento deste programa, así como resolver dúbidas ao respecto.