O TSXG rexeita un recurso contra a obriga do uso da máscara nos centros escolares

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso interposto por unha asociación contra o protocolo aprobado pola Xunta para o curso 2020-2021 que obrigaba ao estudantado de centros non universitarios de Galicia a utilizar máscara debido á crise sanitaria.

A entidade solicitaba aos maxistrados que declarasen que se produciu unha vulneración do dereito á vida, integridade física e moral polos “danos e prexuízos” ocasionados aos menores, fillos dos socios, debido ao uso continuado da máscara nos centros escolares.

A asociación, no seu recurso contra a resolución do 4 de novembro de 2020, pola que a Consellería de Sanidade e a de Cultura, Educación e Universidade aprobaron a actualización do protocolo COVID-19 para o curso 2020-2021, asegura que a medida do uso de máscara xerou “danos irreversibles e irreparables na saúde dos menores”.

Na sentenza, os xuíces salientan que o TSXG, desde agosto de 2020, “vén reiterando que o uso da máscara é unha medida adoptada nun contexto de emerxencia sanitaria e de eficacia demostrada para a prevención da propagación do virus e para a protección das persoas sas”.

Por iso, tal e como indicou nun auto anterior, considera que “non pode prevalecer o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ao interese público, cuxa salvagarda subxace na obriga do seu uso”. Así, considera que a “intervención estatal na liberdade individual” resulta “proporcionada aos fins buscados”, que son “a protección da saúde dos cidadáns e unha protección terapéutica non especialmente invasiva”.

O TSXG conclúe na resolución, contra a que cabe presentar recurso, que debe prevalecer “o obxectivo constitucional de protección da saúde de todos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com