O executivo de Lara Méndez retomará neste vindeiro mes de outubro a celebración presencial dos Plenos logo de que a Xunta de Galicia anunciase a suspensión, este próximo sábado, do estado de emerxencia sanitaria ante a evolución dos contaxios de coronavirus, polo que toda a Comunidade galega quedará en mínimos de restricións.
“Trátase de ir gañando espazos á pandemia, recuperando, pouco a pouco, a normalidade e de ir avanzando naqueles aspectos cotiás do funcionamento do Concello que, podendo desenvolverse con tódalas garantías de seguridade, resultan prioritarios para a cidade. Non debemos esquecer que o Pleno é o máximo órgano de representación política da veciñanza lucense no Goberno local e, polo tanto, sempre que sexa factible, debe favorecerse a súa continuidade”, sinala a rexedora.
Méndez aclarou que a partir de novembro tamén pasarán a realizarse presencialmente as Comisións e Xuntas de Voceiros correspondentes a cada Sesión, “non así este mes, por estar xa convocadas de xeito telemático” e recordou que o Concello de Lugo mantivo, dende abril de 2020, toda a súa actividade orgánica “grazas ao esforzo realizado polo persoal de informática para habilitar os mecanismos necesarios tanto para permitir a realización e retransmisión dos Plenos como para que os empregados do Concello puideran teletraballar dende o minuto un do Estado de Alarma”.
Así pois, o seguinte Pleno ordinario do Concello de Lugo celebrarse o vindeiro 28 de outubro, xa en modalidade presencial aínda que poderá seguirse tamén en streaming a través do enlace que se habilita na páxina web municipal.