A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a convocatoria para adxudicar os 41 hortos urbanos da institución provincial que quedan dispoñibles no Río Rato.
Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a sesión semanal no Pazo de San Marcos. Con este novo lote de parcelas quedarán adxudicadas as 150 que están habilitadas no Rato, posto que xa hai adxudicadas outras 109.
“Poderán presentar solicitude todas as asociacións ou persoas maiores de idade, con residencia na provincia, que non convivan con beneficiarios doutros hortos ou que non posúan terreos no concello de Lugo con potencialidade de ser cultivados”, explicou Rivera Capón, que detallou que no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao de hortos dispoñibles, procederase a unha valoración previa.
No caso de persoas físicas, terán prioridade para solicitar calquera destas 41 parcelas, as persoas desempregadas, aquelas cunha renta per cápita menor, familias numerosas ou xubilados. No caso dos colectivos, terán prioridade aqueles sen ánimo de lucro ou representantes de centros educativos.
Os interesados poderán presentar a documentación no Rexistro da Deputación de Lugo ou na Sede Electrónica da institución durante un prazo de 10 días, que se abrirá ao día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As autorizacións de uso outorgaranse con carácter gratuíto e por un prazo de dous anos, con posibilidade de prórroga.
A Xunta de Goberno aprobou tamén diferentes colaboracións cos concellos da provincia por un importe conxunto superior aos 100.000€ para ampliar, mellorar ou manter os servizos públicos que ofrecen á veciñanza. Neste sentido, Pablo Rivera deu conta da aprobación dun convenio de colaboración co Concello de Guitiriz para ampliar o centro de día municipal por un importe total de 71.825€, dos que a Deputación achegará 50.000€, o que supón o 70%. Un investimento que servirá para incrementar as prazas do centro chairego ata chegar, das 12 coas que conta na actualidade, a 20.
Tamén quedou aprobada a colaboración da Deputación co Concello de Viveiro, cunha achega de 35.000€ para a instalación do tradicional Belén Xigante, un nacemento a tamaño natural que se instala no entorno da igrexa de Santa María e fronte ao convento das Dominicas, no centro histórico da cidade do Cabe, e que este Nadal está previsto ampliar ata a Praza da Fontenova e a rúa Teodoro Quirós.