Paco Pestana

Entre dous días grandes do San Froilán, poucas horas despois de falarmos cando saía en bici de percorrer o recinto feiral, fóisenos a viva imaxe dun Quixote intemporal paseando por Lugo exercitando músculos e inxenio,  facendo gala dunha inagotable sabedoría, sempre sorrinte, cunha arte especial para transmitir optimismo e ledicia de vivir.

Un dos meus maiores acertos en Televisión Lugo foi chamar como contertulio a Paco Pestana para falar de calquera tema que suscitase contraste de opinións. E á Tele chegaba Paco coa sorrisa por bandeira, arrasando amistosamente coa palabra. E cando Paco Rivera o entrevistou en “Lucenses” deixou para a historia aquel “iogur de maracuiá” como modesto e grandioso símbolo de ledicia polo triunfo na vida; manifestación palpable da felicidade coas cousas máis pequenas.

Todo terreo das artes, con expresións plásticas inconfundibles, fixo do Mesón do Forno a súa segunda casa, exposición permanente, non só coa súa obra senón mesmo co seu retrato de cardenal do medievo co que o xenial Xurxo Lobato evidenciou que o reino de Paco era deste mundo pero non deste tempo; imaxe dun Renacemento propio, cabalgando un Rocinante metálico, sobrevoando paisaxes e séculos.

O Concello de Castroverde fíxoo Fillo Predilecto, honrando en vida a quen estaba por riba de moitas cousas, facéndoo un chisco máis feliz. Eme difícil explicarlle aos meus netos como é posible que un home así, do que me daban novas (“vimos ao teu amigo, avó!”) cando o atopaban pola rúa, pode ser substituido de repente por unha lembranza. Descansa en paz, Paco da palabra axil, inxenio punzante, sorriso franco, ollar intelixente, artista e amigo.


Autoría imaxe: J.M.Guisasola

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com