A estrada provincial que une Foz e Alfoz por San Acisclo quedará cortada ó tráfico dende este mércores polo inicio das obras de ampliación e acondicionamento financiadas pola Deputación de Lugo cun investimento de 110.500€. A previsión é que o corte se prolongue ata o día 5 de novembro, aínda que se permitirá circular pola vía durante a fin de semana.
Durante este tempo, haberá sinalización informativa e habilitaranse desvíos para ocasionar o mínimo trastorno no tráfico. Os vehículos pesados deberán utilizar as vías autonómicas LU-160 e LU-152, pasando pola rotonda do Valadouro; e os vehículos lixeiros poderán transitar pola estrada provincial LU-P-0202, que atravesa a parroquia alfocense de Bacoi.
Os traballos, que se levarán a cabo entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3, consistirán na ampliación e acondicionamento da vía con aglomerado en quente, así como na dotación de iluminación e beirarrúas.
Estas actuacións resolven un problema de seguridade e beneficiarán a numerosos veciños e veciñas ao tratarse dunha estrada que soporta moito tráfico ao ser unha das principais vías que une Foz con Alfoz, sendo o camiño máis corto para chegar á costa. Ademais, dá servizo aos serradoiros de madeira da zona, que reciben un elevado número de vehículos cada día. Con estas obras, complétase a renovación desta vía na súa totalidade, que xa se atopa ensanchada e adecentada no resto de treitos.