Os lucenses doan 3.228 lentes a Médicus Mundi

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, fixo entrega esta mañá a Médicus Mundi dun total de 3.228 pares de lentes que a cidadanía lucense doou a través da campaña #MisGafasTusGafas coa que colaborou o Concello de Lugo, a través da área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

Méndez recibiu no Concello a Luis Casado, presidente de Medicus Mundi Norte, Mari Cruz Cuevas, presidenta da Federación de Asociacións Medicus Mundi de España (FAMME) e Miguel García Liñares, delegado de Urbaser en Lugo e, durante o acto, quixo destacar a gran participación da poboación nesta iniciativa coa que se axudará a previr a cegueira en Marrocos, Burquina Faso e Guatemala onde a Ong desenvolve diversas accións en prol da saúde visual de persoas sen recursos.

Durante varias xornadas, a empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo, Urbaser, habilitou un colector específico nas prazas máis concorridas da capital para facilitar a colleita. Enclaves até os que numerosas persoas se aproximaron para depositar as súas lentes e darlles así unha segunda utilidade.

A alcaldesa aproveitou o encontro para poñer en valor non só a solidariedade da veciñanza de Lugo, senón tamén a transcendencia que ten a cooperación social e institucional para facilitar o desenvolvemento deste tipo de accións “nas que un xesto sinxelo, como reciclar aquelo ao que deixamos de darlle uso, terá un alcance extraordinario en tanto conseguirá evitar doenzas e mellorar a calidade de vida de colectivos vulnerables”, concluíu Lara Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com