Hortos, xardíns e ocio, a nova proposta do Concello para o Barrio Multiecolóxico

Lugo contará próximamente con máis de 12.610 m² de novas zonas verdes que, repartidos en tres parcelas ofrecerán un innovador espazo axardinado, nas inmediacións do Barrio Multiecolóxico que se proxecta na Garaballa ao abeiro do programa Life Lugo + Biodinámico. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou onte os detalles do proxecto co que xa se identifica a estratexia impulsada pola rexedora dende o inicio do seu mandato.

A alcaldesa explicou que a actuación, que sairá a licitación mañá trala súa aprobación en Xunta de Goberno, “inclúe a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes dentro das que terán un especial protagonismo uns novidosos hortos ecolóxicos comunitarios artellados en prol dun obxectivo fundamental: propiciar a dinamización social e aproveitar a súa capacidade terapéutica e didáctica”.

A iniciativa contempla a utilización de tres parcelas próximas ao centro comercial da Garaballa que foron escollidas polo confort climático que ofrecerán á cidadanía tendo en conta as precipitacións e temperaturas medias que se rexistran neste enclave, así como a viabilidade das especies vexetais que se plantarán.

Trátase de superficies sen elementos naturais nin construcións que lles proxecten sombra, cunha pendente inferior ao 8%, unha dirección de inclinación propicia para a súa drenaxe e, cunha textura de chan que non presentará problemas de anegamento, con niveis axeitados de metais pesados e sales, alén de ricas en materia orgánica o que suporá outra vantaxe para o desenvolvemento vexetal.

O proxecto

Lara Méndez deu conta de que o proxecto creará un espazo cun valor engadido, que sexa esteticamente pracenteiro e apto para o uso de diversos perfís.

“Foi deseñado, en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, con criterios de harmonía e beleza para que conte con áreas de cultivo que permitan a conexión coa natureza e fomentar o respecto e o coidado polo medio ambiente, áreas axardinadas que potencien a biodiversiade e estimulen os sentidos e áreas estanciais onde sexa agradable socializar e incluso pasar longas xornadas”.

Todas as parcelas contarán cunha serie de elementos comúns:

– Zonas de hortos. “Coa finalidade de facer un proxecto inclusivo para todas as idades – dende nenos ata maiores – e tamén integrador, tivéronse en conta os posibles perfís de usuarios e usuarias. Para o que se xeraron temáticas e usos propios que contarán con elementos singulares que fagan as parcelas máis atractivas ao usuario obxecto, aínda que estarán abertas a todo tipo de público”, puntualizou Méndez.

Contémplanse así, diferentes tipos de hortos:

– Horto Cidadán: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade. Serán de grandes dimensións e, neles, os bancais estarán a ras de chan, acompañados de espaleiras que permiten diversificar o cultivo.

– Horto Terapéutico: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asitencial de Drogodependencias. Proxectouse en bancais elevados, que facilitarán a realización de tarefas hortícolas.

– Horto para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade. Diseñouse, como o anterior, en socalcos elevados que favorecerá poder traballalos dende unha postura máis cómoda.

– Horto Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos. Prevese un uso maioritariamente en días de semana.

– Horto Familiar: dirixido a familias con crianzas, estímase que a súa utilización será en fines de semana o que evitará que se solape en horario cos anteriores.

– Horto Didáctico: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregado para a realización de obradoiros afíns.

Igualmente, as parcelas contarán con bancais de cultivo formados por travesas de madeira e recheos de terra vexetal. A alcaldesa lucense adiantou que “uns irán a nivel do solo e outros serán elevados, pensando e aportar confort aos colectivos con dificultades de mobilidade. A súa altura será a dun asento común (45 centímetros) o que permite acomodarse nos bordos mentres se cultiva”.

En canto á agricultura en altura poderá facerse ben en espaleiras, ben en vertical. “No primeiro caso, trátase de elementos de 1’5 metros de altura, compostos de postes de madeira nos extremos e tensores de cable de aceiro galvanizado que axudarán a dar uniformidade e orde aos cultivos, funcionando como unha pantalla vexetal. Ubicaranse mantendo unha separación suficiente con relación aos bancais para permitir o paso peonil e de apeiros”, abondou Méndez.

En canto aos cultivos en vertical, serán estruturas metálicas de 2 metros de alto que servirán de apoio para suxeitar as macetas que conterán as plantas, inicialmente amorodos. Cada conxunto columnar estará composto de 84 macetas e contará con sistema de fertirrigación por goteo, electroválvula, regulador de presión, mecanismo de dosificación de nutrintes, programador e dispositivo de recirculación de auga.

A rexedora referiu, alén, que as tres áreas acollerán:

– Zonas axardinadas. “Que amosarán unha selección de especies aromáticas, arbustivas, tapizantes e herbáceas, baseada en diversas características de interese paisaxístico como a súa forma, textura, cor, fragancia, que atraian polinizadores, etc…”.

– Zonas estanciais. “Próximas aos cultivos e proxectadas baixo a sombra das árbores dotarémolas de bancos, para facilitar o descanso, e de mesas de picnic – tamén infantís – e randeeiras de dúas prazas para propiciar as relacións interxeracionais da veciñanza”.

Á súa vez, todas as parcelas contará con zonas intersticiais, espazos libres entre as áreas que servirán para a circulación peonil e o desenvolvemento das actividades asociadas ao cultivo.

A actuación, que dispón dun prazo de execución de cinco meses, terá un custo de 773.662 euros e estará cofinanciada pola Unión Europea e liderada polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación Provincial e o labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com