O sector leiteiro galego leva meses a agardar e demandar medidas frente os dous graves problemas de fondo que se manteñen presentes como a máis inmediata ameaza á súa viabilidade: o baixo prezo do leite e os altos custos de produción.
Segundo datos de agosto, das 11.687 persoas produtoras de leite que sobreviven no Estado español, 6.540 son galegos e galegas (a seguinte comunidade autónoma é Asturias, con 1.476). Sen embargo, non nos pagan o leite como no resto do Estado nin se apunta unha mellora nos próximos meses. A pesar de que algunhas industrias anunciasen subidas, na maioría dos casos fanse insuficientes. Noutros, precisamente os que por volume de recolla pesan no Observatorio Lácteo e nos contratos que o toman de referencia, non teñen pensado mover os prezos.
En xaneiro de 2021 o prezo medio estatal foron 0,34 euros por litro. Na Galiza 0,33 €/l. En agosto o prezo medio estatal foron 0,338 euros por litro. Na Galiza 0,327 €/l. É de salientar que a maioría inmensa das granxas sitúanse en realidade por debaixo desas referencias.
Isto, cando os custos de produción medios foron valorados, xa no inicio de xullo e por tanto antes de meses de suba constante, em 0,3565 €/l polo Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio de Agricultura.
A alza xeralizada dos custos de produción está tamén afectando directamente ao sector leiteiro. As granxas de leite galegas perden 10 millóns de euros cada ano por non cubrir custos de produción. E prevese que esta situación empeore significativamente a partir de xaneiro do ano 2022, cando volte ser estipulado o prezo de insumos que se negocian anualmente, como os cereais ou, nalgúns casos, a electricidade.
A grande distribución, pola súa banda -que cando lle peta segue a empregar o leite como produto reclamo vulnerando o acordo lácteo-, xa subiu prezos nos supermercados, e agora comeza a facer campaña tentando xustificar un novo aumento de prezos ás persoas consumidoras argumentando que teñen que pagarlle máis ás persoas que producen.
O resultado do desprezo absoluto polo sector lácteo galego amosado tanto polas institucións políticas como polas industrias lácteas e grandes superficies comerciais pódese traducir a números: 317 granxas desapareceron na Galiza entre agosto do 2020 e agosto do 2021.
Dende o Sindicato Labrego Galego levamos meses denunciando esta situación que está afogando ao sector leiteiro galego. Tamén enviamos unha carta ao Conselleiro de Medio Rural, aos grupos parlamentarios galegos, ás parlamentarias galegas en Madrid e no Parlamento Europeo. Pero as decisións séguense a tomar na liña de discriminar e desprezar Galiza. Nin a Consellería nin o Ministerio están querendo escoitar.
Unha PAC que ignora a Galiza
O 56% dos produtores e produtoras de leite de todo o Estado están na Galiza.Producimos o 40,81% do leite a nivel estatal.Sen embargo, as propostas para a Política Agraria Común 2023 que están anegociar a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura Pesca eAlimentación son un absoluto despropósito e un desprezo para o sector leiteirogalego. Vémolo no proxecto de decreto de xurros, no proxecto de regulación dobovino, na medición das emisións… Nada se axusta á nosa realidade.As liñas presentadas polo Ministerio afondan nas inxustizas xa presentes na PACactual, ao tempo que incorpora máis esixencias, burocracia e custos. De seguir poreste camiño, esta nova reforma deixaranos, novamente, entre as comunidades cospagos máis pequenos por persoa activa agraria e co maior número de persoasagricultoras a título principal que non cobran PAC.
Tractorada, 4 de novembro
Neste senso, os gandeiros de Lugo sairán á rúa a vindeira semana, en concreto o xoves 4 de novembro, para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o “incremento desmesurado” dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da luz, o gasóleo e os pensos.
A protesta, convocada pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá.
Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido e quedarán durante todo o día estacionados na Ronda da Muralla, igual que o fixeran no 2015, unha imaxe convertida xa en símbolo da loita dos gandeiros e gandeiras por un prezo xusto para o leite que producen.