A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia a dotación de fondos económicos e un plan de execución para os proxectos pendentes na provincia de Lugo. Así se acordou este martes no Pleno ordinario do mes de outubro tras unha proposta presentada polo Goberno provincial, que saíu adiante co apoio do PSdeG e o BNG, e cos votos en contra do PPdeG.
En concreto, a institución provincial reclámalle ao Executivo autonómico que se acaden niveis de compromiso coa provincia e se fixen dotacións orzamentarias para os grandes proxectos pendentes na provincia de Lugo, con especial atención ás infraestruturas e aos servizos. Entre elas, exemplifican a Vía de Alta Capacidade da Mariña, as obras relacionadas co subministro de auga, o Porto Seco de Monforte, a Ronda Leste de Lugo ou o Cuartel de San Fernando, entre outros. Tamén os servizos públicos, como a recuperación de cadros de persoal e especialidades no conxunto da rede provincial do Sergas, o mantemento do profesorado en niveis similar aos do curso escolar 2020/2021 ou o desenvolvemento industrial.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, fixo fincapé en que a Xunta ten paralizados proxectos de dúas categorías. “Están proxectos que van ano tras ano con partidas de similar contía pero que logo non se executan; e logo están os proxectos que nin figuran nas contas da Xunta, a maioría deles son reclamados polos Concellos pero que non aparecen. A lista sería interminable, pero basta con facer alusión ás necesidades que presentan os concellos para o abastecemento e depuración de augas ou nas comunicacións”, indicou.
García Porto mencionou que as contas autonómicas “deberían ser realizadas de abaixo cara a arriba, e non de arriba cara abaixo para responder ás necesidades dos concellos, escoitando aos Alcaldes e Alcaldesas”. Subliñou que “a proposta nace como reacción ante a soberbia e a ineficacia do Goberno da Xunta que non ten en conta as opinións da veciñanza, e da ineficacia duns orzamentos que xeran titulares de prensa pero que están baleiros de contido. Escoitamos que os orzamentos volven acadar cifras récord, o Goberno vai de récord en récord, pero ao final non se atraen empresas, non se crean prazas de escolas infantís, seguimos sen acceso a Internet de calidade e entre outras carencias, sen docentes dabondo nos centros de ensino”, recalcou a Deputada.
A sesión plenaria de outubro tamén sacou adiante unha proposta socialista -cos votos a favor do PSdeG e BNG e a abstención do PPdeG- para reclamarlle á Xunta de Galicia un plan de recuperación dos servizos bancarios na provincia de Lugo. Unha iniciativa que responde ao peche de oficinas que se suceden nas vilas e concellos galegos nos últimos doce anos, significando estes peches o 51% da rede bancaria que había.
García Porto indicou que nos últimos doce anos se perderon máis de 5.000 empregos en Galicia “ante a indiferenza e a falta de planificación económica dos sucesivos gobernos populares”. A Deputada evidenciou que máis de 7.000 veciños e veciñas da provincia carecen de acceso aos servizos bancarios no seu lugar de residencia, poñendo de exemplo os municipios de Negueira de Muñiz, O Páramo, Ribeira de Piquín ou Samos, que carecen xa de oficina bancaria.
“A Xunta contribúe ao desmantelamento dos servizos bancarios, porque con fondos públicos está subvencionando que as entidades instalen caixeiros nos concellos pechando oficinas, sen garantir axeitada atención persoal á veciñanza”, dixo a voceira socialista do Goberno provincial.
Sinalou, así mesmo, que a proposta tamén inclúe a petición dun plan integral de telefonía móbil no rural que permita acceder aos servizos de banca electrónica e telemática, á vez que tamén insta a que se dote de financiamento aos concellos para que poidan desenvolver plans de formación dirixidos á terceira idade para fomentar o uso das tecnoloxías. “A día de hoxe as apostas por bancas telefónicas ou a través de internet non son as solucións máis acaídas para unha provincia rural como é a de Lugo. Temos unha cobertura móbil deficiente e unha poboación de idade avanzada que prefire os trámites presenciais. Por iso, a falta de oficinas provoca que a veciñanza teña que buscar fórmulas de desprazamento con custes engadidos, que tamén dependen do estado de saúde das persoas”, salientou.