O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza á Xunta esixir o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para acceder aos espazos de aloxamento compartido dos albergues turísticos que amplíen a súa capacidade nestas dependencias ata un 100 %. A exhibición da documentación non será necesaria cando a ocupación dos espazos de pernocta compartidos non supere o 50 % da súa capacidade máxima nin cando todos os ocupantes realicen as etapas do Camiño de Santiago no territorio galego nun mesmo grupo burbulla ou de convivencia estable. A medida estará vixente desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do 20 de novembro.
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG indica no auto que o informe achegado pola Xunta conclúe que, aínda que os indicadores epidemiolóxicos “van mellorando en Galicia”, segue existindo circulación do virus e, por tanto, risco de transmisión, “con aínda incidencias significativas en grupos de idade que poden ser usuarios deste tipo de establecementos”.
“En consecuencia, continuamos nunha situación epidemiolóxica, á vista do contido do informe, que determina un risco de transmisión do virus apreciable ata o punto de facerse necesaria a regulación de determinadas actividades para que o seu exercicio sexa compatible coa contención da súa expansión”, explica o tribunal na resolución, na que sinala que a medida afecta a un tipo de establecementos nos que comparten cuarto para durmir “persoas sen relación entre si e que poden proceder de diferentes lugares e países”, algúns deles “con coberturas vacinais menores que as de Galicia”.
Os maxistrados salientan que resulta acreditada a eficacia que a vacinación ten para evitar o risco de transmisión en ambientes como os albergues turísticos. Ademais, consideran que o pleno funcionamento da actividade neste tipo de aloxamentos “ten que ter como necesario contrapeso, en termos de risco epidemiolóxico, a existencia de barreiras eficaces, por máis que estas non sexan absolutas”.
O alto tribunal incide en que a medida só se aplica para o acceso “a determinadas instalacións onde ten lugar unha actividade de alto risco” e que existe unha tripla alternativa -certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa- para acreditar “unha situación propia de risco baixo de transmisión e contaxio”. O TSXG tamén destaca que se impón “a simple exhibición da documentación, sen recollida de datos, de forma non invasiva nin degradante”. Por todo iso, autoriza á Xunta implementar a medida, que considera “proporcionada”, xa que entende que supón unha “restrición en grao mínimo de dereitos fundamentais”, fronte “á forte salvagarda que se pretende do dereito á vida e á saúde”.