Arias pide “axilidade” ao Concello para desbloquear as grandes actuacións da Tinería

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, pediu hoxe ao Concello de Lugo axilidade e compromiso real para desbloquear as grandes actuacións no barrio da Tinería. Tamén solicita que se conceda xa a licenza de primeira utilización, solicitada hai meses, dos inmobles situados nas rúas Tinería 15 e Recanto do Miño 13, dous edificios que, trala súa rehabilitación por parte do IGVS, suporán un total de seis vivendas para outras tantas familias, un proceso que contribuirá á dinamización social do barrio.

En resposta ao anuncio da presentación de emendas aos orzamentos da Xunta para pedir máis fondos para A Tinería, Javier Arias considera que “por moito investimento que faga a Xunta de Galicia neste barrio, o Concello non nos deixa executar as partidas xa existentes. Proba delo é a situación de parálise que se vive no Concello e que afecta á maior parte de proxectos e plans para A Tinería”.

Con respecto ás actuacións máis ambiciosas para este emblemático barrio de Lugo, o delegado territorial da Xunta cre que o Concello debe dar xa un paso adiante e amosar o seu compromiso coa Tinería. Por unha banda debe aportar xa os informes necesarios do servizo de Enxeñería para realizar as modificacións do proxecto de rehabilitación da Casa da Torre, que segue paralizado cando a adxudicación da obra se fixo o pasado mes de xaneiro.

Por outra banda, Javier Arias refírese ao Pazo de Doña Urraca, cun proxecto que na actualidade está pendente da sinatura do convenio urbanístico por parte de ámbalas dúas institucións.

Para o delegado da Xunta en Lugo é inadmisible que todos estes proxectos estean paralizados. As obras de rehabilitación e posta en valor da Casa da Torre xa están adxudicadas desde o pasado mes de xaneiro cunha inversión de 500.000 euros e para o Pazo de Doña Urraca a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prevé un investimento de máis de 4 millóns de euros na urbanización da zona, na rehabilitación do pazo e na construción das nove vivendas de promoción pública.

Javier Arias lembra que na última entrega dunha vivenda rehabilitada polo IGVS neste barrio, fai un mes, pediu ao representante do Concello que acudiu ao acto que o Goberno municipal responda xa aos trámites pendentes. Para Arias “a Xunta de Galicia está facendo cidade nun dos barrios máis senlleiros de Lugo; as grandes posibilidades e vantaxes que estes proxectos suporán para A Tinería esixen a máxima implicación das administracións, que deben ser resolutivas. Por iso nos ofrecemos a retomar as conversas e desbloquear dunha vez por todas estas actuacións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com