O galego nos cemiterios de Galicia

O próximo dous de novembro, martes, Festividade dos Fieis Defuntos, vaise celebrar nás 13,00 h. no cemiterio de San Miguel de Paradela, capitalidade do concello, un acto en memoria dos alí enterrados, xa que grazas a eles o idioma pervive e medra entre nós.

Na entrada do cemiterio vaise descubrir unha placa “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Novembro, 2021”.

Promoven a colocación desta placa o Concello de Paradela e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. No acto intervirán Xosé González Martínez, Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Xesús Mato Mato, musicólogo e Fillo Predilecto de Paradela; Javier Arias Fouz, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e José Manuel Mato Díaz, Alcalde de Paradela. Asistirán a este acto Irene López, viuva do escritor Manuel Rodríguez López, e a familia de Manuel López López, O Lagoa.

A continuación visitarán o Panteón de Paradelenses Ilustres, único no seu xénero en Galicia, no que foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, ao que se lembra nunha placa en galego “polo seu destacado labor cultural como escritor, e polo amor demostrado a esta terra durante toda a súa vida”.

Visitarán asimesmo o nicho de Manuel López López, que el mesmo construíu e que, polo seu desexo foi rotulado en galego, que lembra “O canteiro que fixo este nicho, Manuel López López, (O LAGOA), finou o 2-05-2014, con 92 anos. DEP xunto coa Donvina. Fillos e netas non vos esquecen. Este acto, é a continuación – dous anos despois – do que se celebrou na Festa de Defuntos de 2019 no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela), por ser o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com