Achégase final de ano e con él, chega o tempo de pechar as contas de 2021 e ir presentando as propostas de cara a 2022. Hai uns días viamos como Xunta e Goberno central presentaban candanseu proxecto de presupostos para o vindeiro ano, algo que todavía é unha incógnita no caso da Deputación de Lugo.
Así, segundo denuncian os populares provinciais, o Goberno de José Tomé non respondeu ao ofrecemento feito polo PP para colaborar na elaboración das contas do vindeiro exercicio. Pero, á vista do orzamento para o ano que remata, no PP temen que o sector pesqueiro “sexa marxinado de novo”. O grupo popular demanda “nos orzamentos para o 2022 se dea moito máis apoio ao sector pesqueiro, con campañas de diferentes tipos e sobre todo con partidas concretas para este sector, que é fundamental e transcendental na nosa provincia”.
O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala que, dende que socialistas e nacionalistas gobernan na Deputación de Lugo o sector da pesca é un dos grandes prexudicados nas contas provinciais. “Dicimos isto porque estamos a pouco de coñecer as grandes contas provinciais para o 2022 e esta Deputación, no 2021 as aportacións máis significativas foron 18.000 euros para a Federación de Confrarías de Pescadores e 10.000 para Expomar-Produart, algo que é mínimo, tendo en conta que os orzamentos da Deputación totalizan 93 millóns de euros”.
Castiñeira tamén indica que, noutras Deputacións, como as de Pontevedra e A Coruña, “a aposta polo sector do mar e moito maior”. Explican os populares que o sector do mar na nosa provincia factura máis de 100 millóns de euros en venta directa, o que se transforma en 500 millóns en toda a cadea mar-industria lucense e crea máis de 1.500 postos de traballo directos. “Para todo iso a Deputación só destina 18.000 euros”.
Na mesma liña, o portavoz popular di entender como “unha falta de respecto” ao sector esa falta de apoio orzamentario por parte da Deputación. Unha posición que “se une ao agravio e aos ataques que ao sector pesqueiro está a facer tamén o Goberno central; a última é a posibilidade de suprimir as bonificacións ao gasóleo do sector pesqueiro, que sería a gota que colmaría o vaso”.
Castiñeira explica que, na súa opinión, “as políticas nacionalistas e socialistas van en contra do sector pesqueiro e, fronte a isto está a política que está a levar a consellería de Pesca da Xunta”. Neste sentido, o popular destaca que “o orzamento da Consellería do Mar para 2022 é o máis alto da última década, acumula un incremento do 50% en cinco anos e roza os 200 millóns de euros”.