Deputación e Xeoparque do Courel, xuntos pola súa promoción turística

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel, Roberto Castro González, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento de actividades do Xeoparque do Courel. A institución provincial achega 25.000 euros para a posta en marcha de iniciativas que dan unha maior visibilidade a este espazo natural que en 2019 acadou o recoñecemento da UNESCO co apoio da organismo provincial.

A través deste convenio levaranse a cabo cinco accións de difusión, entre as que se atopan a caracterización e cartografía dos solos das Montañas do Courel, estudio xeomorfolóxico das covas para establecer a súa orixe, caracterización de lugares de interese xeolóxico e rochas de construción do xeoparque, procura de rexistros fósiles e a actualización cartográfica do mapa xeolóxico.

José Tomé valorou a importancia deste territorio para “achegar á provincia de Lugo turistas que buscan natureza e destinos tranquilos e non masificados, ademais de persoas interesadas nesta ciencia que cada ano atrae a máis visitantes. Con esta colaboración, a Deputación de Lugo mellorará a promoción turística e a visibilidade deste primeiro Xeoparque Mundial do Noroeste de España distinguido pola UNESCO”.

O Xeoparque Montañas do Courel foi recoñecido este ano nos premios Lugo Cambia ao turismo impulsados pola Deputación de Lugo. O Consello Provincial de Turismo distinguiu este proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico.

A UNESCO declarou en 2019 as Montañas do Courel como o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com