A Deputación abre os prazos de matrícula para estudar no Campus de Lugo e captar aos mellores expedientes

Xa está aberto o prazo co que a Deputación de Lugo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, busca aumentar alumnado no Campus lugués e atraer e premiar aos mellores expedientes.

Dentro deste plan inclúense, por unha banda, o programa de bolsas de matrícula, posto en marcha o ano pasado e dotado con 500.000 euros, co que o organismo provincial asume o 50 % dos custes da matrícula das persoas que se matriculen por vez primeira nalgunha das titulacións do Campus de Lugo. Por outra, o programa “O teu esforzo ten premio en Lugo”, dotado con 130.000 euros e co que a Deputación sufraga a matrícula dos 90 mellores expedientes galegos de Bacharelato e Formación Profesional que se matriculen no Campus de Lugo, así como as dos 45 mellores graduados que cursen un máster na cidade lucense.

A Vicepresidenta Segunda en funcións, Lara Méndez, subliñou  que “ a Deputación ten un alto compromiso co Campus de Lugo, non como outras administracións que o único compromiso que teñen é verbal e que non se materializa nin con feitos nin con orzamento”. Méndez destacou que “a Deputación teno claro, de aí o convenio de mais 500.000 euros asinado coa USC para combater as dificultades que atravesa o noso campus”. Nesta liña a Vicepresidenta Segunda en funcións valorou que o organismo provincial asume estas competencias para impulsar o campus pois “beneficia ao desenvolvemento educativo, pero tamén ao económico da cidade e da provincia”.

Para entrar en calquera das opcións que se ofrecen, so é necesario acceder á páxina web da USC, seleccionar a ligazón coa matricula e formalizar o proceso. No momento de pagar, xa se descontará de xeito automático o 50% do importe da matrícula. Pódese optar por estudar na rama de Enxeñaría e Arquitectura, de Humanidades, de Ciencias Sociais, de Ciencias e por suposto da rama de Ciencias da Saúde. No vindeiro curso beneficiaranse, grazas á colaboración da Deputación de Lugo, os seguintes graos: Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Relacións Laborais e Recursos Humanos; Xestión de Pequenas e Medianas Empresas e Administración e Dirección de Empresas.

Asemade ao programa “O teu esforzo ten premio en Lugo” poderán optar os alumnos galegos que teñen unha media no expediente académico igual ou superior a 8; alumnos galegos que teñan cursado e superado as titulacións de Grao do Campus de Lugo nos cursos 2013-2014 e 2014-2015. Así como alumnos galegos que teñan superada a titulación nos anos previstos no correspondente plan de estudos.

Para poder solicitar esta axuda haberá que facelo mediante o impreso oficial de solicitude, debidamente asinado que aparece no Boletín Oficial da Provincia do sábado, 30 de maio xunto coa documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais do alumno. Máis información na páxina web www.deputacionlugo.gal e nos teléfonos da universidade: 881 812 000, 982 820 532 ou 881 811 000.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com