Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, en relación co grave suceso acontecido na madrugada do pasado Domingo, 1 de Novembro, por mor do cal unha muller foi, presuntamente, empurrada desde o adarve da Muralla por un home ao que acababa de coñecer unhas horas antes, para, posteriormente, abandonala gravemente ferida, e que se asociou a unha agresión de carácter transfóbico pola condición sexual desta, así como da concentración celebrada con este motivo o pasado Venres, día 5, desexamos manifestar o seguinte:
En primeiro lugar, e como non podería ser doutro xeito, a nosa rotunda e mais enérxica repulsa ante calquera acto de violencia, máxime cando este estea relacionado coa violencia de xénero, condición sexual ou identidade de xénero, así como, por suposto, o noso apoio a vítima a que trasladamos o noso agarimo e os nosos desexos dunha pronta e total recuperación.
Do mesmo xeito, a nosa condena non é menor nin menos rotunda ante a falta da mais elemental prudencia que leva a determinadas persoas e colectivos a pronunciarse e manifestarse, outorgándose o dereito a xulgar e sentenciar, que, obviamente, non lles corresponde en absoluto, propiciando, ademais, deste xeito, que se produzan xuízos paralelos, co enorme dano que isto implica.
Non esquezamos, algo fundamental, que, no que atinxe a este caso, aínda se descoñece o sucedido realmente, polo que todo prexuízo, ademais de ser totalmente irregular e improcedente, está totalmente fora de lugar. É absurdo, ademais de totalmente contraproducente, manifestarse contra algo que nin sequera se sabe si sucedeu, ou en que circunstancias.
É, por outra banda, ademais dunha ousadía, todo un exercicio de soberbia, obviar e tentar pasar por diante daqueles que están a levar a cabo as labores de investigación e esclarecemento dos feitos, tarefas que competen, única e exclusivamente a Policía e ao Xuíz, e que facelo pode, e, de feito, moitas veces sucede, supoñer un atranco para o desenrolo destas. Dito isto, en relación coa concentración celebrada o pasado Venres, despois de ler nun medio de comunicación as manifestacións feitas por algúns dos colectivos convocantes, ademais do xa exposto, non podemos pasar por alto algunhas delas, que son abertas e graves acusacións, que lanzan indiscriminadamente, meténdonos a todos no mesmo saco.
Denuncian, entre outras cousas, un aumento na nosa cidade da violencia, da hostilidade contra os colectivos LGTBI+, que se lles nega os dereitos individuais as persoas con outra identidade de xénero, o aumento de violencia contra estos colectivos, responsabilizando en gran parte ao discurso de odio da extrema dereita que está a calar, din, entre os mais novos.
Pois ben, a todo isto, respondemos:
Hai tempo que na nosa cidade aumentou a violencia en xeral, por factores, entendemos, que nada teñen que ver con connotacións de xénero ou identidade sexual, se non con outras cuestións.
Se ben é certo, e o recoñecemos, que, desde certos sectores, poida existir, e, de feito, existe, un certo rexeitamento contra estes colectivos, nin é xusto, nin teñen dereito ningún a xeneralizar, xa que, para a inmensa maioría de nos, esa hostilidade non puido medrar, sinxelamente, porque nunca existiu. Falan de “discurso de odio” cando este tipo de acusacións lanzadas indiscriminadamente non convidan, precisamente, a concordia.
Culpan deste “discurso de odio” que din, repetimos, está calando entre os mais novos, a extrema dereita. Non imos negar que isto está a suceder, pero, ao mellor, sería bo que se pararan a recapacitar, a mirar un pouco mais preto, sobre o discurso que algúns deses colectivos, e, que quede claro, nos non xeneralizamos, entre outras cousas porque non podemos opinar acerca daqueles a quen non coñecemos, nin somos quen para facelo, lanzan habitualmente, por mor do cal, ademais de, facendo unha vez mais, todo un alarde de soberbia, se autoerixen en adalides dun cremos que mal chamado feminismo, tiránico, radical, que nada ten que ver, obviamente, co auténtico e digno movemento polo que tantas e tantas mulleres loitaron e grazas as cales avanzamos tantos chanzos, malia o moito que aínda queda por facer, decidindo quen é feminista e quen non, en base ao seu particular “baremo”, lapidando sen piedade a quen non lles di si a todo ou opina diferente, algo que recorda sospeitosamente a ese discurso de odio do que tanto falan, mais preocupadas de subirse ao carro de canto caso acada sona mediática, de saír nos medios de comunicación e dos seus golpes de efecto aos que xa nos teñen acostumados, principalmente en datas coma estas do mes de Novembro, sen decatarse de que, malia que inicialmente poidan convencer, o tempo as vai
poñendo no seu sitio, e acaban por provocar o lóxico rexeitamento, entre os mais novos, e entre os que non o somos tanto, desvirtuando, e isto é o peor, a verdadeira loita que moitos e moitas tentamos levar adiante.
Así mesmo, vemos, con tristura e preocupación, que en ocasións coma esta, nas que, reiteramos, toda prudencia é pouca, desde certos eidos políticos, e con todo o respecto o dicimos, se apoie este tipo de actos coa súa presencia, alentando esta falta de rigor, cando, e non nos cansaremos de repetilo, aínda non se coñece o que realmente sucedeu.
Para rematar, non queremos deixar de manifestar o noso absoluto e rotundo apoio ao xuíz encargado deste caso, do cal nos consta, ademais da súa incuestionable profesionalidade, a súa total implicación na loita contra a violencia de xénero e, por suposto, a ausencia de calquera prexuízo homófobo, así como a súa enorme humanidade e sentido da xustiza, pero sempre, como non podería ser doutro xeito, baseándose en feitos probados, non en conxecturas nin en espectáculos mediáticos.