Deputación e Palas de Rei convenian para a mellora no local social de San Vicente de Ulloa

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co Alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, polo cal a institución provincial achega ao Concello 50.000€ para que poida acometer diversas melloras no local social da parroquia de San Vicente de Ulloa.

A colaboración económica da institución provincial permitirá acometer unha actuación que ten como obxectivo acondicionar os accesos ao local social, eliminar un problema de humidade na planta baixa e mellorar a acometida de auga potable. O proxecto tamén inclúe a adquisición da parcela adxacente de 710 metros cadrados, en estado de abandono, para mellorar a contorna deste espazo.

O local social da parroquia de San Vicente de Ulloa é utilizado como lugar de reunión pola veciñanza e tamén para o desenvolvemento de actividades sociais e culturais, polo que as obras de mellora que financia a Deputación teñen unha importante relevancia social e contribúen a facer comunidade.

O Presidente enmarcou esta achega no “firme compromiso que mantemos dende a Deputación de Lugo coa cooperación con todos os concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas aos seus veciños e veciñas, sobre todo do rural”. Esta colaboración súmase á aportación anual que a institución fai ao Concello de Palas a través do Plan Único de Cooperación, que neste 2021 ascendeu a máis de 400.000€.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com