O concelleiro de Deportes e Xuventude, Mauricio Repetto, presentaba este xoves no Concello de Lugo, os XXV Xogos Autonómicos de Baloncesto ‘Special Olympics Galicia’ para persoas con discapacidade intelectual, o edil destacou no encontro que “o deporte representa unha real importancia no desenvolvemento persoal e social dos individuos que o practican e un dos principais beneficios a ter en conta é aquel de índole psicolóxico, por eso é moi importante que sigamos a colaborar nestas iniciativas”.
Esta competición, que contará con preto de 75 deportistas, pertencentes a 7 asociacións de toda Galicia, dos que preto do 75% serán da provincia de Lugo. Os xogos celebraranse este sábado, 13 de novembro, no Polideportivo Municipal Casa do Deporte. A inauguración da proba terá lugar ás 11:15 horas, estando prevista a súa clausura para as 20:00 horas nas mesmas instalacións.
Sete asociacións de diferentes cidades galegas estarán representadas nesta 25ª edición, entre elas a anfitrioa de ASPNAIS, que participa con 11 atletas nas probas individuais. O colectivo PRODEME de Monforte conta co maior número de deportistas, 15 en total, mentres que SAN VICENTE de Lugo, competirá con 12, ASPANANE de Viveiro, traerá a 8 deportistas, SAN FRANCISCO de Vigo participará con 9 e ASFAVAL e ASPANAS de O Barco e Ourense participàrán con 5 e 12 deportistas respectivamente.
Ao acto tamén asistiron o Deputado Provincial, Pablo Rivera; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; un membro da xunta directiva de Aspnais, Ovidio Barreiro así como o deportista de Aspnais, Miguel Vázquez.
Na presentación, Mauricio Repetto agradeceu á organización deste evento “por permitirnos colaborar con estes xogos ‘Special Olympics’, que perseguen ofrecer un sistema de competición para tódalas asociacións de persoas con discapacidade intelectual que están a traballar ao longo de todo o ano nas diferentes modalidades deportivas pero que precisan dun aliciente para o adestramento e a superación diaria”.