O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou hoxe unha Xunta de Voceiros co fin de propoñer o consenso entre os grupos políticos provinciais dunha Declaración Institucional con motivo da conmemoración do 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Do encontro, celebrado esta mañá na Sala de Xuntas, saíu un documento acordado por PSdeG, BNG e PP, que será aprobado de maneira unánime no Pleno. Na Declaración Institucional, a Deputación expresa o seu firme compromiso na loita contra os asasinatos e agresións machistas, e a vontade de seguir desenvolvendo políticas educativas de fomento da igualdade que contribúan a erradicar os elementos estruturais que os perpetúan no tempo.