O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza á Xunta prorrogar a esixencia da presentación do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder a todos os locais de lecer nocturno da comunidade autónoma, que contan cunha capacidade do 100 %.
Os maxistrados teñen en conta un informe técnico do 9 de novembro que reflicte a melloría da situación epidemiolóxica actual con respecto a datas anteriores, pero salientan que iso “non evita a persistencia da circulación do virus e, por conseguinte, o risco da súa transmisión, especialmente nos establecementos de lecer nocturno”. Ademais, segundo consta no auto, nese documento “signifícanse os beneficios indirectos que a esixencia do pasaporte COVID-19 producirá na poboación que ten maior reticencia a vacinarse, circunstancia que se pretende neutralizar mediante a súa esixencia en todo tipo de establecementos de lecer nocturno, o que poderá axudar a alcanzar a inmunidade da poboación”.
O TSXG salienta que a medida “non é de aplicación xeral ou indiscriminada”, senón que só se dirixe ao lecer nocturno, unha actividade “que se desenvolve en espazos nos que resulta dificultoso renovar o aire de forma natural, coa consecuente facilidade de que se transmita o virus por vía aérea, segundo se acredita nos rigorosos estudos científicos aos que se refire o informe do 9 de novembro”.
Por iso, os maxistrados aseguran que é “evidente a utilidade da medida de prevención” consistente na esixencia dos documentos, á vez que destacan que non ten como finalidade “o mero control aos clientes, senón a de impedir que accedan a tales establecementos os cales non acrediten o cumprimento dos requisitos que perseguen os certificados de vacinación, recuperación e de probas diagnósticas da COVID-19”. Así, inciden en que a medida cumpre os requisitos de ser “idónea, necesaria e proporcionada”.