A federación de veciños de Lugo recibe 200 novos comprosteiros para promover a reciclaxe dos residuos orgánicos domésticos

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), entregou 200 novos colectores para facer compostaxe doméstica á Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, co fin de promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explicou que as novas unidades foron subministradas a petición da entidade veciñal, que xa recibira outros 100 composteiros de uso doméstico no mes de xullo.

Os recipientes teñen capacidade para 400 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables. O obxectivo da Federación é repartilos entre os seus asociados para que convertan os restos orgánicos en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, que ademais de achegarlle nutrientes protéxeo fronte a pragas e enfermidades. Lucus Augusti pretende así contribuír a recuperar unha práctica tradicional no rural galego dunha forma cómoda, hixiénica e eficiente.

Arias explicou que con cada unidade proporcionouse un manual didáctico co fin de que os usuarios conten cos coñecementos básicos para levar a cabo o proceso. Nel indícase o lugar no que hai que colocar o recipiente (nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores); a relación de materiais que deben ir ao colector e os que hai que evitar depositar nel; e outros aspectos relacionados co control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.

Tamén se indica que o abono resultante debe de estar húmido pero non mollado e ten que reunir uns determinados requisitos para que poida ser empregado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións, cumprindo coas esixencias que marca a normativa vixente.

Ademais, Arias apuntou que Sogama imparte cursos de formación para explicar aos participantes os pasos a seguir, resolver dúbidas e lembrar os principios que deben rexer a xestión sostible dos residuos: redución, reutilización e reciclaxe.

Lembrou que un total de 83 entidades da provincia de Lugo forman parte do programa de autocompostaxe xestionado por Sogama: 44 concellos, 29 centros educativos e 10 colectivos sociais, que levan recibido máis de 3.500 composteiros de xeito gratuíto.

A autocompostaxe permite converter a materia orgánica en recurso, constituíndo todo un exemplo de economía circular. Dado que o residuo orgánico representa o 42% da composición media dunha bolsa tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, circunstancia que contribúe ao aforro de custos ambientais, económicos e sociais. As persoas interesadas poden acceder a máis información a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com