A filme de Roquet foi a única representante española no festival de Cannes e A porta do lado é o debut na dirección do famoso actor alemán.
No último lustro, Clara Roquet converteuse nunha das grandes promesas do cinema español. O éxito das súas dúas curtas El adiós e Les bones nenes, así como a súa labor como escritora en guións de filmes moi recoñecidos como 10000 km e Els díes que vindran (esta última estreada en Codex Cinema) de Carles Marques-Marcet ou Petra de Jaime Rosales fixeron dela unha das profesionais con maior proxección do cinema español, dentro dunha xeración de mulleres cineastas que cambiou o panorama do audiovisual estatal nestes últimos anos.
Os triunfos tanto nacionais e internacionais de Carla Simón (Estiu 1993) ou Pilar Palomero (Las niñas) ofreceron unha nova mirada sobre o cinema español, unha nova xeración con historias diferentes que contar, mirando ao pasado e o futuro. Libertad, o debut na dirección de Clara Roquet, camiña nesa dirección.
Estamos ante un relato moi íntimo da vida dunha familia que se reúne no verán na casa familiar despois de varios anos, para estar coa avoa que sofre Alzheimer. Alí, Nora, unha rapaza que está atravesando a adolescencia crea un forte vínculo con Libertad, a filla da coidadora colombiana que se encarga de atender á avoa. Libertad representa eso mesmo, a liberdade, unha nova forma de ver a vida, pero tamén a descuberta de novas realidades que descoñecía na súa protexida vida privilexiada.
O filme mostra con moito acerto os dramas da España de hoxe: a convivencia coas enfermidades dexenerativas dos seres queridos, as diferencias de privilexios entre sectores da poboación, a necesidade de revalorizar a mirada feminina. Roquet consegue introducir todos eses problemas nun filme que se desfruta como unhas vacacións de verán, como un tempo fugaz que cambia a personalidade da protagonista para sempre.
Malia ser o primeiro filme da directora, conseguiu estrearse na Semana da Crítica do Festival de Cannes, sendo a única película española recoñecida por ese certame, o máis importante do mundo. A súa estrea en España produciuse na Seminci de Valladolid antes do seu desembarco nas salas españolas este próximo venres.
De Catalunya viaxamos a Alemaña para ver outro debut na dirección, neste caso do actor Daniel Brühl, coñecido por éxitos internacionais como Goodbye Lenin, Malditos bastardos ou Salvador. Brühl é un deses rostros recoñecibles que conseguiu atravesar as fronteiras do seu país natal para facer carreira en Europa e en Hollywood. Nado en Barcelona, Brühl mantivo constantes contactos co cinema catalán e español ata acabar incluso no Universo cinematográfico da Marvel.
A súa primeira película como director permítelle facer unha homenaxe aos actores cunha pequena peza de cámara. Unha intriga mínima sobre un home (o propio Brühl) que leva unha vida feliz e tranquila ata que un día un veciño co que nunca estivera en contacto revélalle un secreto que descoñecía. Película de poucos escenarios e actores, estamos cunha película de suspense intelixente, na liña dos grandes clásicos de Alfred Hitchcock, como A soga ou Estraños nun tren. Un filme que convida ao espectador a preguntarse sobre a veracidade do que está a ver e a tratar de desvelar os misterios que esconden as personaxes.
A película consegue poñer en escena os problemas derivados do proceso de unificación alemán a finais do século pasado, así como preguntarse sobre a fraxilidade dunha felicidade superficial que vende a Europa do Estado de benestar e o capitalismo. A película estreouse no pasado Festival de Berlín e acaba de presentarse en España a semana pasada no contexto do Festival de cine europeo de Sevilla.