O Consello da Cultura Galega leva a Lugo a mostra ‘Afonso X e Galicia’

Esta semana cumpríronse 800 anos do nacemento de Afonso X, unha figura destacada da cultura europea. Sobre o legado do monarca e a súa conexión con Galicia trata Afonso X e Galicia, proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) que este mediodía se inaugurou na Capela de Santa María de Lugo.

Esta proposta amosa unha faceta pouco coñecida da súa figura e convida a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; e da Deputación de Lugo, Mónica Freire, inauguraron esta mostra que estará aberta ata o 17 de abril. O comisario, Antoni Rossell, fixo un percorrido pola mostra que contará nas vindeiras semanas cun programa visitas guiadas e un concerto.

Na inauguración, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, fixo fincapé no vínculo especial que Galicia tivo con Europa na época medieval grazas ao Camiño de Santiago e que a exposición pretende poñer de manifesto. Pola súa parte, o director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación, agradeceu que “Lugo fose incluída na itinerancia da exposición que, valorou, supón tamén un recoñemento ao traballo de recuperación do patrimonio musical medieval que se ven
facendo desde o Centrad”.

A proposta expositiva

O comisario da mostra, o músico e medievalista Antoni Rossell explicou que a o relato non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A primeira das partes busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana. A segunda está orientada a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. Despois, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos.

A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa Maria están presentes na mostra cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a  vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que están instalados en toda a mostra diferentes códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com