O BNG manifestou hoxe, a través do seu responsable local, Alexandre Penas, o seu rexeitamento ás acusacións de chantaxe vertidas polo PSOE.
Segundo declaracións de Penas “O BNG deixou clara a súa postura xa en novembro de 2012 cando abandonamos o goberno municipal. As máis de 4000 persoas que confiaron en nós o día 24 de maio sabían perfectamente cal era o noso posicionamento. Nos coidamos que o Psoe non sabe ou non quere entender o que o electorado lles dixo nestas eleccións”.
O responsable local do BNG sinalou que “As responsabilidades de Orozco, ao respecto de todo o que ocorreu neste concello están moi por riba das súas imputacións persoais. Parece que hai que lembrarlle que o señor Liñares foi a súa persoa de confianza durante moito tempo. Orozco unha vez máis trata de utilizar o concello como parapeto para defenderse el mesmo ante a xustiza”
Para o BNG a responsabilidade de quen alcance a alcaldía no concello de Lugo será única e exclusivamente do partido socialista. Penas explicou que a posición do BNG é coñecida dende o momento en que Orozco foi imputado.