O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou hoxe á Xunta esixir a exhibición do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos para acceder ao interior dos restaurantes, durante todo o día, e, a partir das 21 horas, para o ingreso en cafeterías e bares.
A Sala entende que a medida preventiva de seguridade sanitaria, cuxo permiso para implementala foi solicitado onte pola Administración autonómica, cumpre co requisito de temporalidade esixido polo Tribunal Supremo, pois terá efecto desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 18 de decembro. Ademais, destaca que non só cumpre a función de “evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos”, pois lembra que é “unha evidencia científica” que a transmisión da COVID-19 entre os vacinados é “moito menor á dos non vacinados”.
Os maxistrados inciden en que a medida permite “uns niveis maiores de ocupación, pero garantindo a seguridade sanitaria” e consideran que está xustificada porque a exhibición da documentación se pide para entrar en espazos pechados “nos que se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión da COVID-19”, posto que neles se establecen “contactos próximos e prolongados entre persoas, con escasa renovación de aire no interior, nalgúns casos, e realización de actividades nas que é necesaria a retirada de máscara (ao comer ou beber) e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois (falar, en ocasións, cun ton de voz maior do normal ou cantar)”.
Ademais, os xuíces indican que se trata de “lugares de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención (uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade interpersoal), ao que pode contribuír o consumo de alcol”.
O TSXG asegura que a implementación da medida non supón “un sacrificio desproporcionado”, pois a exhibición do certificado requírese “para o desenvolvemento dunhas actividades de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria”.
O alto tribunal galego tamén advirte no auto que a situación epidemiolóxica de Galicia está “a empeorar”, polo que, segundo a Sala, “as actividades que presentan un risco comparativamente máis alto de transmisión, como é a hostalería, precisan continuar con medidas específicas de control, tendo en conta que o virus segue circulando e causando novos casos, ingresos hospitalarios en unidades de agudos e en unidades de críticos e mortes na nosa comunidade”.
Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso- administrativo sinalan que “tampouco se pode restar importancia ao contexto estacional en que nos atopamos”, pois limita a utilización de terrazas e espazos ao aire libre, “o que reforza a necesidade de arbitrar mecanismos de control de acceso de persoas nos establecementos que pretendan incrementar os niveis de ocupación e capacidade, co fin de evitar riscos de contaxios”.
Os xuíces tamén subliñan no auto, contra o que cabe presentar recurso de casación, que non constan “outras medidas alternativas menos gravosas para garantir a seguridade sanitaria neste tipo de establecementos na situación de emerxencia sanitaria na que aínda nos atopamos”.