O vindeiro martes, 30 de novembro, a cidade de Lugo está de cumpreanos. Unha data moi especial para conmemorar o día no que a Muralla Romana, o monumento máis característico e que lembra o épico pasado da cidade, acadaba o título de Patrimonio da Humanidade.
Dende ese 30 de novembro do 2000, a Muralla non é só dos lucenses, senon que, gracias aos esforzos de toda a cidade, o monumento conseguía un dos recoñecementos máis importantes para un monumento histórico outorgado pola Unesco e pasaba a ser patrimonio mundial.
E, por iso, porque o 30 de novembro fai 21 anos deste nomeamento, as distintas administracións están a organizar distintas actividades para conmemorar que, tal día como o martes, a Unesco declaraba á Muralla Romana de Lugo, Patrimonio da Humanidade.
Actividades
Por parte da Xunta, a Delegación Territorial celebrará o XXI Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade instalando iluminación con motivos conmemorativos nas portas de San Fernando e na de Bispo Aguirre o día 30. Ademais, o mesmo día convoca dous roteiros co guía turístico Guido Álvarez, que descubrirá aspectos históricos, anécdotas, lendas e outras singularidades do monumento. Os roteiros partirán das escaleiras do adarve na Praza do Ferrol ás 12.00 e ás 18.00 horas.
As portas de San Fernando e Bispo Aguirre lucirán bañadas de luz cunha imaxe superposta en referencia ao
aniversario; a iluminación ornamental permanecerá acendida entre as 18.00 e as 24.00 horas.
Doutra banda, o Concello de Lugo dará comezo ás súas actividades ás 17:00, cando o coro e ensembles de clarinetes do conservatorio Xoan Montes actuará na praza Pío XII, interpretando distintas pezas de Beethoven, Pachelbel ou Mozart, entre outros.
A partir das 19:00, sairá da porta de Santiago un roteiro poético musical, organizado pola área de Cultura e a revista lucense de creación poética Xistral. Contará coa participación de distintos músicos da cidade, entre os que se atopan Yuri, Rulos, Cántigas e Frores ou a Volta do Agro, e con distintas persoas recitando poesía nas distintas paradas do roteiro.