Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo piden ao goberno local que manteña unha especial vixilancia no barrio do Carme, sobre todo naquelas zonas nas que o pasado 10 de agosto inauguraron por todo o alto a súa renovación, xa que tres meses despois poden verse paseando múltiples desperfectos.
Explican os concelleiros populares que foron varios os veciños que se puxeron en contacto co PP para amosar o seu malestar polo estado no que se atopan agora os camiños arranxados hai poucas semanas, ao igual que os muros. Cun simple paseo dende a igrexa do Carme ata a Ronda do Carme pode verse como os camiños de terra están cheos de fochancas, hai muros caídos e a maleza comeza a apropiarse do camiño, sen esquecer eivas importantes como buratos de grandes dimensións que poden provocar caídas (semella que son accesos a fincas pero non hai chanzos nin unha rampla que faga supoñer que se trata dun acceso) e os valados comezan a caer, poñendo en risco a seguridade.
Dende o Grupo Municipal do PP recordan que estes traballos custaron 204.248 euros, cartos que se investiron na recuperación de camiños, muros e elementos singulares, así como a instalación de varandas, mobiliario urbano e iluminación con balizas. “Tentaron humanizar o Camiño Primitivo ao seu paso polo Carme , pero a realidade é que investiron un diñeiro nesta zona para logo abandonala de novo a súa sorte, polo que instamos a Méndez e Arroxo a que realicen traballos periódicos de mantemento para manter unha boa imaxe do entorno”, apuntan.
Os populares insisten en que o goberno local faga algo nesta zona para que non se repitan os abandonos sistemáticos que xa tiveron lugar noutras zonas da cidade, como os Paseos do Rato e do Miño ou a Fervenza, zonas que tanto PSOE coma BNG recibiron en perfectas condicións e que agora teñen totalmente abandonadas.