A CIG mobilizarase mañá para que a clase traballadora non pague a saída da crise

A CIG convoca, para mañá, día 1 de decembro, mobilizacións nas sete cidades e varias vilas porque, camiño do final do ano, os orzamentos do Estado e da Xunta confirman, segundo a CIG, o que desde a central sindical se viña advertindo: “que estamos ante unha profunda crise que se multiplicou coa pandemia e que, para afrontala, nin a Xunta nin o Goberno do Estado están a adoptar as medidas necesarias para que non sexan, unha vez máis, a clase traballadora e o pobo galego quen a paguemos”.

En Lugo, a Mobilización será unha Marcha con saída ás 11:00h  do Edificio do INSS (Av. Madrid), e remate no Edificio da Xunta na Ronda da Muralla, facendo parada diante da Subdelegación do Goberno, na Praza de Armanyá.

Polo aumento dos salarios

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que a imparábel escalada da factura eléctrica “está a provocar estragos nas economías familiares, na actividade económica e na industrial, mentres o oligopolio enerxético acumula cada vez máis beneficios”. Unha situación que está provocando o incremento dos prezos de todos os produtos, nomeadamente dos básicos: a bolsa da compra ou a gasolina que son precisamente os que consume a clase traballadora.

Entrementres, os salarios non soben na mesma medida, o que, segundo Carril está a colocar nunha “situación crítica” á xa empobrecida clase traballadora, “facendo máis real que nunca aquilo de que ter un traballo non garante unha viva digna”.

O secretario xeral da CIG advirte que os procesos de dixitalización e descarbonización están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e para o desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo.

“O emprego é cada vez máis temporal e precario, como constata a EPA do terceiro trimestre, que demostra a escandalosa perda de postos de traballo na Industria e na Construción en Galiza. Un total de 8.800 menos a consecuencia do proceso de desmantelamento que sofren, de Norte a Sur, os nosos sectores produtivos”, afirma o secretario xeral da CIG.

Diante disto, nas concentracións demandarase tamén un verdadeiro Plan Galego de Recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na terra.

A CIG vén demandando a derrogación da reforma laboral desde que se aprobou. Porén, e malia as promesas do goberno de coalición, segue vixente “mentres se monta un paripé mediático para manter despois os seus aspectos máis lesivos, cumprindo así os requisitos impostos pola UE para poder acceder aos famosos fondos NextGeneration, que están pensados ademais para destinar ás empresas e non ás persoas”, denuncia o secretario xeral da CIG.


Imaxe de arquivo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com