O Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha proposta de goberno que esixe á Xunta a retirada das modificacións da lei de montes veciñais propostas na lei de acompañamento do orzamentos para 2022 que “supoñen un atropelo ao monte veciñal e ao intereses da veciñanza comuneira”. Nas comarcas de Lugo, integrada en 924 comunidades de montes.
Unhas modificacións, que ademais de introducirse “pola porta de atrás, furtando o debate parlamentario”, segundo explicou a deputada nacionalista, Mónica Freire, na práctica, supoñen que “a Xunta poderá retirar a propiedade aos comuneiros por cuestións burocráticas como non actualizar o censo da veciñanza comuneira”.
A tamén responsábel de Medio Rural na Deputación de Lugo sinalou que “o único obxectivo destas modificacións é buscar excusas para confiscar a xestión á veciñanza comuneira e entregarlla de balde, por un tempo de 50 anos, ás empresas madeireiras e forestais”.
Mónica Freire insistiu na importancia social, ambiental e económica dos montes en man común – máis de 200 mil hectáreas- nas comarcas de Lugo e urxiu á Conselleria de Medio Rural a buscar solucións aos montes veciñais que non teñen constituídas comunidades.
“As administracións deberían velar polo s coidado, defensa, rexeneracion e mellora de aproveitamento dos montes. A Xunta entende que a prioridade non é esta, logo, quizais a que se debería declarar en estado de grave abandono ou degradado é a Consellería de Medio Rural”, zanxou.
A proposta, que saiu adiante cos votos a favor dos dous grupos de goberno e a abstención do PP, ademais de demandar a retirada as modificacións propostas na lei de acompañamento dos orzamentos, insta ao executivo a debater no seo do Consello Forrestal de Galiza a cuestión dos montes veciñais en man común, consultando a todo o sector e escoitando as comunidades de montes e as súas organización para rematar cun debate no Parlamento Galego.