O número de alumnos que estudan galego nos territorios limítrofes de Castela e León aumenta ata 1115. Así o constatou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na reunión anual de seguimento do programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, asinado por ambos gobernos autonómicos hai 20 anos.
Así, neste curso 32 alumnos máis que no pasado ano estudan galego nalgún dos 19 centros adscritos ao programa nas comarcas do Bierzo e Sanabria. Do total de 1115 alumnos, 933 están nas etapas de Educación Infantil e Primaria, mentres que 137 proceden de institutos e 45 da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, que oferta clases para preparar desde o nivel máis básico, A2, ata o nivel de especialización, C1.
Na reunión, celebrada de forma telemática, ademais do representante da Xunta de Galicia, tamén participaron, en representación da Junta de Castela e León, o director xeral de Centros, Planificación e Ordenación Educativa, José Miguel Sáez; o xefe de servizo da Inspección Educativa, Paulino Martín Seco, e o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez Courel.
Este programa, que se leva a cabo dende o ano 2001, establece as pautas de colaboración entre Galicia e Castela e León para a promoción do galego na educación non universitaria das provincias limítrofes de León e Zamora. A cooperación entre ambas as autonomías articúlase mediante a formación do profesorado, a cesión de materiais didácticos aos centros e o acceso do profesorado aos contidos do Portal Educativo da Xunta de Galicia.
A implantación da ensinanza do galego en Castela e León ten carácter voluntario, mais ambas as institucións tratan de promover que os centros ofrezan unha continuidade neste programa de formación para garantir que os alumnos que o cursen poidan completar os seus estudos nesta lingua e obter os certificados oficiais correspondentes. Así, os estudantes que finalicen os estudos da ESO cursando as correspondentes materias en galego poden conseguir un nivel Celga 2, mentres que en Bacharelato optan ao Celga 3.