O BNG – Asambleas Abertas pedirá explicacións polo estado no que se atopaban esta mañá a Avd. Breogán tras a celebración da primeira verbena das festas de San Antonio. Foron varios os pais e nais que trasladaron queixas polo estado no que se atopaban as zonas próximas aos centros escolares asegurando que “nenos e nenas tiveron que sortear cristais, lixo de todo tipo e pasar por entre camións en operacións de desmontaxe”.
Para o BNG-AA non é normal que ás 9:00 da mañá a avenida Breogán permanecera aínda cortada ao tráfico polos camións dunha das orquestras e que a acumulación de lixo fora tal que case non permitira o paso das persoas sen risco de cortarse con algún dos cristais que estaban polo chan. Ademais do estado intransitable da avd. Breogán tamén houbo queixas veciñais polos ruídos e molestias producidas nunha noite previa a unha xornada laboral. O BNG-AA solicitará información sobre os permisos que o concello facilitou aos organizadores e se estes cumpriron coas condicións marcadas dende o concello.