O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial en Lugo, Javier Arias, comprobaron onte o resultado dos traballos de instalación da cuberta da pista de pádel de Begonte, da man do alcalde do municipio, José Ulla. A obra contou cun orzamento de preto de 50.000 euros (48.393,97 euros), co 58% sufragado pola Xunta (28.000 euros) e o restante 42% achegado polo goberno local (20.393,97 euros).
Cómpre salientar que xa en 2020 levouse a cabo a pista de pádel, renovada agora coa cuberta que vén de ser instalada. Daquela, o convenio entre Xunta e Concello contou cun orzamento de 25.000 euros, sendo o 80% achegado polo Goberno galego (20.000 euros) e o 20% polo municipio lucense (5.0000 euros). A pista de pádel foi unha das dotacións máis demandadas en Begonte; trátase dunha pista regulamentaria, construída ao aire libre, e dispón de iluminación LED para prolongar as horas de uso. Agora, grazas a súa cuberta, poderá ser utilzada mesmo nos días de chuvia.
Segundo explicou o secretario xeral, o Goberno autonómico apoia a creación e mellora de infraestruturas deportivas para “satisfacer o crecente interese social existente, especialmente en determinadas modalidades”. Ao respecto, destacou que o pádel é un deporte en auxe e que a oferta de instalacións “debe ser coherente coas demandas de cada territorio, coa fin de que cada vez máis persoas realicen actividade física, que é un dos obxectivos primordiais da Xunta de Galicia, acadar u nha sociedade activa e saudable”.
“A instalación desta cuberta, nun territorio como o galego no que estamos acostumados ás inclemencias meteorolóxicas, supón que os nosos veciños poidan realizar a práctica deportiva nas mellores condicións”, apuntou.
En total, dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns foron destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.