‘A historia da miña muller’ chega a Codex Cinema

A memorable historia de época de Ildikó Enyedi estréase este venres ofrecendo un manifesto feminista a partir da famosa novela de Milan Fust. Despois de gañar o Oso de Ouro no festival de Berlín de 2017 con En corpo e alma, a cineasta húngara Ildikó Enyedi embárcase nun proxecto moito máis ambicioso: a adaptación cinematográfica de A historia da miña muller, un dos grandes clásicos da literatura húngara. Un drama de infidelidades sobre un home que un día fai unha aposta cun amigo: casará coa primeira muller que cruce pola porta do bar no que se atopan. Alí comeza unha primorosa historia sobre o desexo e a sexualidade, sobre a necesidade de amar e ser amado.

O autor Milan Fust escribiu esta novela durante a Segunda Guerra Mundial, nun momento de gran drama en todo o continente. Cun estilo moi influenciado polo modernismo literario, de Proust a Kafka, Fust apelaba ao sentimento amoroso como o motor que move á humanidade. Enyedi rescata esta historia para o cinema, cun estilo suntuoso e unha reconstrución histórica formidable.

A película conta ademais co protagonista de dous dos actores máis desexados da última década: a modelo e actriz francesa Léa Seydoux (A vida de Adele, O gran hotel Budapest) e o tamén galo Louis Garrel (Soñadores, O oficial e o espía), nunha gran produción europea que, a pesar de todo, non deixa de ser un drama intimista sobre as relacións de parella e a liberdade feminina. Un filme extraordinario que causou moita polémica no festival de Cannes deste ano, entre grandes defensas e furibundos ataques.

Tampouco deixa indiferente a ninguén o norteamericano Abel Ferrara. Radicado desde hai máis dunha década en Roma, tras abandonar EEUU ante a falta de oportunidades, o director de Tenente corrupto leva anos entregándose a un cinema persoal e único. Proba disto é a súa última obra, Zeros and Ones, un drama apocalíptico sobre unha conspiración mundial. Terroristas, hackers, bandas paramilitares e revolucionarios aparecen nunha película que trata tamén sobre como internet e as novas tecnoloxías mudaron para sempre as relacións humanas. Un filme construído como un enorme pesadelo cibernético onde a cidade de Roma é atacada por diversos atentados terroristas mentres un home (Ethan Hawke) busca ao seu irmán, un soñador revolucionario que vai na busca dun paraíso imposible.

Os grandes éxitos do ano volven ás pantallas
A semana pasada os Codex estrearon Valentina, o filme de animación de Chelo Loureiro, que encheu as salas galegas a fin de semana. Codex Cinema abarrotouse de nenos para ver esta historia inclusiva sobre unha nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista. Os cines foron un dos poucos en toda Galicia que apostaron por proxectar a versión orixinal en galego en lugar da dobraxe en castelán e o público reaccionou masivamente amosando que a xente quere cinema en galego, tamén os máis pequenos. Valentina continuará esta semana nas billeteiras de Codex para os que queiran apoiar o cinema feito na nosa terra.

Por último, aproveitando a tempada de premios, rescatan Maixabel de Icíar Bollain, na que o lucense Luis Tosar interpreta a un antigo membro de ETA que acepta reunirse cunha das súas vítimas. A película foi masivamente avalada pola crítica e o público na súa estrea en setembro e agora volve as pantallas tras gañar dous galardóns na recente edición dos Premios Forqué, un para Blanca Portillo á mellor actriz e o Premio ao cine en educación e valores.

Tanto Valentina como Maixabel son dúas películas sobre educación e valores que pensamos que son adecuadas para a formación das novas xeracións. Cine para nenos no primeiro caso e para adolescentes no segundo, perfecto para grandes grupos e para pais e nais que busquen algo máis que o ocio superficial do cinema de Hollywood.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com