A alcaldesa de Lugo acompañada da tenente de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local e Emprego presentou hoxe na rúa Quiroga Ballesteros, a carón da Praza de Abastos, a nova campaña de dinamización da cidade posta en marcha polo executivo municipal baixo o título Localmente Lucense.
A rexedora explicou que se trata dunha campaña que nace para impulsar a economía dos barrios de Lugo, a través de fortalecer e incentivar a compra nos comercios e na hostalaría de proximidade. “Non podemos esquecer que só estando ao lado dos nosos veciños, os que viven e crean traballo cos seus pequenos negocios, coas súas tendas, restaurantes, bares e outros establecementos, poderemos manter con vida os espazos nos que vivimos e vemos crecer aos nosos fillos”, subliñou.
“As pequenas empresas son a columna vertebral da nosa economía, xa que forman parte da identidade dos barrios achegándolles unha riqueza e valores insubstituíbles. Esta crise está a afectarlles con dureza e por iso, desde o Concello de Lugo queremos impulsar esta campaña para animar á xente a consumir e a coñecer ás pequenas empresas das súas contornas”, apuntou.
A rexedora avanzou que “o obxectivo é crear o movemento cidadá Son Localmente Lucense que abandere un sentimento de orgullo e defensa do noso, da vida dos nosos barrios, porque temos que defendela entre todos sendo conscientes de que a recuperación da economía comeza na porta das nosas casas”. Con este obxectivo, a campaña que hoxe dá comezo e que durará todo o ano 2022, combinará unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos.
Esta campaña, para a que o Concello destina preto dun millón de euros, enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo que puxo en marcha Lara Méndez para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19.
A alcaldesa explicou que “no lema xogamos coa idea de “local” e “lucense” para trasladar confianza, ilusión e aposta firme no noso. Utilizando o adverbio “localmente” que se forma con “local+mente”, proxectamos e difundimos unha conciencia de consumo local, ou consumo km0, un factor importante para un desenvolvemento sostible de calquera municipio”.