O responso de San Antonio

Vou estar uns días fora de Lugo, precisamente neste interregno municipal –que é o poder, por achegado, máis importante para os cidadáns- se ben vou chegar a tempo de informarme  “en directo” do que vai ocorrer o próximo día trece.
Non é que no ambiente se note o balbordo de mareas humanas ou das outras que invadan as nosas rúas para facernos sentir que estamos vivos e que as rúas están humanizadas para nós. Non se nota nada. E cada un de nós, cada lucense, vai ao seu, abafado polas mesmas preocupacións de sempre, coas cargas persoais de cada un, sabendo que os temas públicos xa non están na súa man, que a fin de contas co voto do vinte catro de maio – máis o natural pago de impostos- está liberado de temas colectivos durante moito tempo.
Ata a próxima elección municipal, porque aínda que teñamos que votar en decembro, esa é outra asignatura pendente que non “fai chave” con esta, da que nos examinaremos por libre, e para a que aínda temos bastante tempo para estudar e prepararnos para outro difícil exame.
Fáiseme raro pensar, nesta época da globalización, que andando unha ducia de quilómetros, os viandantes que atope teñen outro tipo de problemas políticos, con outras persoas, con outras cores.. e que tampouco andarán abafados porque se solucionen as incertezas existentes, que os seus problemas serán os primeiros, e aínda que un dos maiores problemas das nosas xentes, son os mesmos políticos, poden esquecerse do tema, porque o problema dos políticos soluciónase só, co tempo. Daquela maneira, seguro, pero soluciónase.
E eu voume de viaxe sen saber quen vai gobernar o concello de Lugo. Se vai abrir caixóns e facer auditoría, ou dará continuidade a esta para algúns “longa noite de pedra”, para outros “dezaseis anos de paz”. O trece decatarémonos do prato que todos estes días se estivo cociñando neste “Master Chef” (menos mal que non é martes), e xa que ese día é a festa do San Antonio, non estará mal rezarlle un responso, que en tempos era infalible para atopar as cousas perdidas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com