O Deputado de Promoción Económica e Social participou hoxe na xornada Alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas organizada polo Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (MUVICLA) nas instalacións de Casa Vázquez, en Trasliste (Láncara), pola colaboración da institución provincial cunha achega de máis de 3.200€.
O deputado destacou a importancia do sector primario para a provincia e sinalou que as actividades agrogandeiras “forman parte da nosa esencia, do que somos, e supoñen unha das máis importantes oportunidades para impulsar o desenvolvemento social e económico, sobre todo do noso rural. E por iso este tipo de iniciativas cobran tanto sentido”.
O Deputado agradeceu e puxo en valor o traballo de MUVICLA pola organización da cita e tamén por “manter un proxecto tan interesante, que pon en valor o noso agro e dá gran visibilidade a Láncara” e sinalou que “nesta senda teredes sempre a man da Deputación tendida, porque ademais das medidas concretas que podamos poñer en marcha e que contan cunha partida moi importante nos nosos orzamentos, cremos que é moi importante traballar preto das entidades; sumando esforzos”.
Nesta xornada participaron expertos de diferentes ámbitos, como Antonio Turiel, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), ou Quico José Ónega, do Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para sensibilizar sobre o futuro da enerxía. A cita contou ademais cunha visita ás instalacións de MUVICLA e diferentes actuacións musicais.