A campaña Saca o galego que levas dentro, lanzada pola Xunta de Galicia este mes a prol do uso da lingua galega entre toda a sociedade, chega ás cidades de Santiago de Compostela e Lugo. A iniciativa consiste na itinerancia polas catro provincias dunhas estruturas xigantes con espellos nos que os viandantes poden verse reflectidos ao tempo que len a mensaxe Din que a beleza está no interior. E ti gardas unha lingua fermosa! Saca o galego que levas dentro.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou hoxe esta iniciativa que acolle a praza Roxa compostelá ao mesmo tempo que a Praza Maior de Lugo e que, a partir de mañá, se trasladará a Ourense e Pontevedra, onde permanecerá ata o vindeiro día 29. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou unha vez máis “a importancia deste tipo de campañas que promoven e incitan ao uso da lingua propia, especialmente entre os máis novos, para os que resulta unha campaña moi atractiva”.
Na estrutura de espellos figura tamén o cancelo #sacaogalegoquelevasdentro acompañado da mensaxe “E compárteo con orgullo”, que convida a quen o lea a tomar unha foto no espello e compartila en redes sociais, trasladando así a campaña das rúas galegas ao mundo virtual.